Manifesto Miñor advirte do perigo que provocan as obras na rotonda da Pasaxe

Dende Manifesto Miñor veñen de presentar no Concello de Gondomar a petición para que se tomen medidas con urxencia a respecto das obras que neste momento se están levando a cabo na rotonda de A Pasaxe. “Agardamos que o Sr. Alcalde, tan dilixente para fotagrafarse con todo o que teña que ver coa Pasaxe, se poña a traballar e resolva esta gravísima situación”, di Antonio Araújo.

O concelleiro advirte que as obras que neste momento está a realizar a Xunta de Galicia na rotonda de A Pasaxe, en Vincios na PO-331, ademais da incomodidade que xeran no tránsito rodado que resulta evidente, é o perigo para as persoas que por alí teñen que pasar, tanto dos barrios próximos como os usuarios do propio Polígono Industrial. Con todo, a situación de maior perigo prodúcese pola noite ao quedar toda a zona nunha escuridade absoluta, pois por mor das devanditas obras foi eliminado todo alumeado público existente na rotonda. “Se a isto lle sumamos a complicación que xeran os carrís creados por valados que marcan as vías de circulación para os vehículos, sen sinais lumínicas de ningún tipo; farois ou pinturas reflectantes, etc, o raro é que a día de hoxe non houbera algún accidente ou atropelo”.

Dende Manifesto Miñor demandan unha rápida intervención municipal diante da Xunta de Galicia (responsable das obras); da empresa que as está executando, así como a intervención do propio Concello ser fora preciso, para que con máxima urxencia se repoña provisionalmente o alumeado público na zona mentres non rematen as devanditas obras.