Para o Partido Popular resulta “indignante” coñecer que Baiona quedou fóra do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra porque o goberno local non realizou a tramitación oportuna en prazo, tal e como se aprobou por unanimidade no pleno celebrado o pasado 6 de agosto de 2020.
O PP, tras coñecer que Baiona non estaba incluída no mapa de adhesións, tratou de saber os motivos e comprobou que o tripartito do PSdeG, BNG e Nós non trasladou o acordo plenario nin a documentación que as bases requirían antes do 31 de agosto a pesar de que tiveron 17 días laborables para facelo telemáticamente. Tampouco asignou neste tempo ao representante político nin ao técnico municipal responsables da participación do Concello na Rede Ágora, á que se sumaron dous de cada tres municipios da provincia de Pontevedra (44 en total) e todos os da comarca do Val Miñor a excepción do baionés.
Para o PP resulta “paradoxal”, ademais, que o goberno local de Baiona celebrase a Semana da Mobilidade para reivindicar espazos públicos para a cidadanía e o uso de transportes sostibles cando “non se preocupou de facer unha simple tramitación telemática coa Deputación para inscribirse ao Plan Ágora”.
Precisamente o deputado nacionalista Uxío Benítez trasladouse a Baiona o 23 de setembro de 2020, o mesmo día en que a administración provincial fixo públicos os nomes dos concellos que se integraron nesta iniciativa e no que comprobamos que Baiona non estaba incluída, para dar unha charla sobre a necesidade de apostar por espazos públicos de calidade. “É curioso e ao mesmo tempo alarmante que un responsable do BNG acuda ao noso municipio para concienciar sobre por onde deben enfocarse as políticas urbanísticas e ambientais para que os veciños teñan maior calidade de vida mentres os seus compañeiros de partido no Concello, xunto co PSdeG que tamén xestiona a Deputación, e Nós, fan totalmente o contrario”, opinan os populares.
Tendo en conta esta “desastrosa xestión” sobre un asunto que o propio goberno local propuxo no pleno, o PP mostra a súa “preocupación” polo que pode ocorrer tras a porta do Concello cada día con asuntos que non transcenden publicamente pero que afectan directamente os veciños. Aínda que para o principal grupo da oposición, este proceder do tripartito non é novo xa que fai apenas tres meses deixaron escapar máis dun millón de euros que xa estaban concedidos para a reforma da Praza de Victoria Cadaval en Sabarís precisamente por non enviar a documentación á Xunta.

