Gondomar convoca o I Concurso de “Tostas de Outono”

O Concello de Gondomar convoca o I Concurso de “Tostas de Outono”. O certame, organizado pola Concellería de Comercio e Turismo, ao cargo de Rocío Goberna, está dirixido a todos os negocios de hostalería e restauración do municipio e exponse como unha iniciativa que busca “a súa promoción e dinamización, así como de revalorización da oferta gastronómica de Gondomar”.

Os interesados poderán inscribirse ata o venres día 9 de outubro, presentando a solicitude no rexistro municipal, ou por sede electrónica descargando o formulario na páxina web do concello www.concellodegondomar.gal, onde tamén poderán consultar as Bases do Certame, que se desenvolverá entre o día 17 de outubro o 29 de novembro.

Esta nova iniciativa da Concellería de Comercio e Turismo foi acordada e consensuada con hostaleiros do municipio, que a acolleron como boa e unha maneira de incentivar o sector da restauración, máis nestes momentos de recuperación que viven tras o confinamento”, sinalou Rocío Goberna.

O sabor e a creatividade serán os dous requisitos prioritarios para valorar a tosta gañadora do certame, na que só se poderá presentar unha única elaboración (doce ou salgada) que entre os seus ingredientes principais deberán ter “un produto típico do outono, como poden ser as noces, a cabaza, ou os cogomelos, entre outras”.

O veredicto dependerá dos usuarios xa que será un xurado popular o que co seu voto en cada establecemento elixirá os gañadores. Os tres primeiros clasificados contarán cun diploma acreditativo e o máis votado recibirá unha Chaquetilla de Chef oficial serigrafiada co lema “I Concurso de Tostas de Outono de Gondomar” e encabezará o cartel de promoción da seguinte edición.

Tamén se recompensará a participación cidadá (xurado popular) e entre as papeletas depositadas polos consumidores sortearanse tres vales en metálico, por valor de 200, 100 e 50 euros, respectivamente, en concepto de cea, comida e almorzo a consumir nos tres establecementos que accedan ás mellores puntuacións.