Sin categoría

Araújo considera que Gondomar pagará as consecuencias dun Servizo de Axuda no Fogar mal financiado

O Voceiro Municipal de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, aclara nun comunicado a postura do seu grupo respecto da adxudicación polo pleno do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Gondomar, tras as críticas do alcalde, Paco Ferreira, que dixo “non entra na cabeza de ninguén que dous partidos que se consideran progresistas e defensores das políticas sociais, puxéronse de perfil e non apoiasen a aprobación desta adxudicación, resolta por unha mesa de contratación”.

“Eses partidos progresistas son Manifesto Miñor e o BNG. Pois ben, a nós tampouco nos entra na cabeza que a dereita votase a favor da proposta do PSOE con tanto entusiasmo. Xa llelo expliquei no Pleno pero, o Sr. Ferreira coma sempre entende e escoita o que lle convén. Cheira bastante mal que o informe externo (á carta) encargado polo Goberno Municipal para aclarar a oferta económica da empresa adxudicataria, diga sen dicir que na devandita oferta pode haber unha baixa impropia (antes eran baixas temerarias), e que a maiores recoñeza que mentres as baixas laborais do persoal do SAF en Galicia andan ao redor dun 8%, a previsión da empresa para Gondomar sexa dun 3%. Que pasa, que as mulleres de Gondomar son de ferro? Sr. Alcalde, Vostede si que se pon de perfil porque sabe perfectamente quen vai pagar as consecuencias dun servizo mal financiado: os usuarios (persoas maiores e vulnerables) e as traballadoras do SAF con máis precariedade laboral e sobre-explotación. Quedoulle claro agora?”, conclúe Araújo.