Sin categoría

“O PSOE de Nigrán prefire derivar responsabilidades antes que actuar”

As mocións de axudas presentadas polo PP de Nigrán para máscaras e para o mantemento do emprego, buscaban segundo os populares a colaboración das administracións coa intención de axudar ás familias de Nigrán que o necesitan. “Pero o Sr. González, Alcalde do PSOE, prefire derivar responsabilidades, demostrando que está máis interesado en ningunear á oposición que no que de verdade importa, axudar ás familias de Nigrán. Afortunadamente, a Xunta acaba de aprobar 26 millóns de euros en axudas para paliar os efectos da pandemia na comunidade escolar e universitaria”.

Desde o PP de Nigrán propuxeron ampliar as axudas a outras ONG como Cáritas, cambiar as bolsas de formación que, como están expostas, supoñen un problema legal grave, por plans de Formación Dual con Inserción, e crear unha convocatoria de Premios á Innovación e Emprendemento. “Este tipo de axudas téñenas practicamente todos os Concellos de Galicia que como Nigrán teñen un Polígono Industrial, menos Nigrán que, paradoxalmente, posúe un dos máis importantes de Galicia”. “Pois ben, o Sr. González ignorou completamente a proposta, e por encima, comenta na prensa que votamos en contra, cousa que non é certa”.

Ademais das mocións sobre as axudas, o PP presentou unha moción para instar o Goberno Municipal a solicitar ao Goberno de España que deixe sen efecto o cambio nas concesións marítimo-terrestres, pois provocarán o peche de moitas empresas no litoral galego, ao que todos os concelleiros do PSOE votaron en contra. “En resumo, tráenlle sen coidado centos de empregos que se perderán en Galicia”.

“Expor as axudas ás familias como un tema de competencias, cando está na súa man poñer en marcha iniciativas como estas di moi pouco do Sr. Alcalde, cando nestes duros momentos, a clave está na colaboración institucional. Non se trata de siglas, trátase de vidas”, conclúen desde o PP de Nigrán.