Sin categoría

Moreira quere volver vestirse de líder no regreso da Copa de España

A Copa de España Elite e Sub23 entra na súa recta final este domingo coa disputa da súa penúltima proba, a Clásica Cidade de Torredonjimeno, e na provincia de Xaén o Vigo-Rías Baixas quere saldar unha conta pendente co certame estatal. O uruguaio Mauricio Moreira, xefe de filas da estrutura presidida por José Luis Chamorro, perdeu a camisola de líder Elite na anterior carreira puntuable por culpa dunha avaría mecánica a falta de 8 quilómetros para o final. Iso sucedeu en Valladolid hai case dous meses, o tempo que o ciclista charrúa leva esperando para tomarse o desquite.

Pese ao duro pau sufrido en agosto, o líder do conxunto flúor mantén intactas as súas opcións de adxudicarse o título Elite da Copa de España 2020. Ocupa o segundo posto na clasificación da súa categoría, trece puntos por baixo de Pablo Alonso (Gomur). A cita deste domingo e a da próxima fin de semana, o Memorial Valenciaga, resolverán este duelo.

Moreira chega a Torredonjimeno coa moral polas nubes despois de anotarse a xeral e unha etapa na Volta a Valencia, a última competición na que participou. Esa brillante actuación permitiulle recuperar o primeiro posto no clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo e, á súa vez, reforzou a condición de líder do Vigo-Rías Baixas na táboa por equipos.

Os pupilos de Marcos Serrano xóganse ata tres títulos no desenlace desta atípica tempada. Para a primeira das dúas “finais”, Moreira terá como compañeiros aos sub23 Joan Nicolau, Iñigo González, Guillermo Mallo, Manuel Sampedro, Jon Tena e Asier González.

A clásica xienense, que foi aprazada en abril debido á crise sanitaria, alcanza a súa XXXVI edición. O percorrido da carreira impulsada por Manuel Moreno é idéntico ao dos últimos anos. Na segunda metade dos 160 quilómetros, con inicio e final en Torredonjimeno, atópanse os dous portos puntuables da xornada. O Alto de Locubín, de 1ª categoría, coróase no km 106 e o de Valdepeñas, de 2ª, no km 120.