Concerto de Dakidarría en Baiona

Este sábado día 3 de outubro celebrarase en Baiona un dos concertos do programa “Musigal” da Deputación de Pontevedra a cargo da banda Dakidarría. Será a partir das 20:30 horas na Carpa da Praza do Concello. O acceso ao recinto farase por orde de chegada dende as 19:30 e ata completar aforo.

Dakidarría é unha banda formada por sete músicos que fusionan ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos, que apostan pola enerxía e a festa enriba e debaixo do escenario, sen deixar indiferente a ninguén, unha descarga de festa e compromiso.

Tras quince anos de traxectoria editaron oito discos: “Fragasaurus Rex” (Síndrome Discos, 2005), “El futuro nunca existió” (Santo Grial, 2008), “Realidades alienantes…” (Revolution Produccións, 2010), “… Utopías emergentes (Maldito digital, 2011), «10 anos na rúa» (Recompilatorio, 2015), «…Utopías emerxentes (Reedición en galego, 2015), ”De cuncas e de mar” (En directo, Maldito Records, 2016) e o último EP da banda “Filosofía incendiaria” (Incendiaria Records & Maldito Records – edición dixital – 2018).

Durante este tempo presentaron o seu proxecto por toda a xeografía peninsular e parte de Europa (ademais dunha xira que levounos a percorrer a República Mexicana) actuando tanto en salas pequenas como en grandes festivais, demostrando que saben adaptarse perfectamente a cada situación.

As súas últimas xiras, “De cuncas e de mar” e “Lume tour” confirman o prato forte da banda, os directos. Actualmente o grupo atópase inmerso na presentación do seu último traballo coa xira “Filosofía Incendiaria Tour”.