Baiona reinicia as súas Escolas Deportivas Municipais

Este xoves deron comezo as clases das Escolas Deportivas Municipais de Baiona, pertencentes á oferta deportiva municipal para o presente curso escolar 2020-2021 e para as que está aberto o período de matrículas desde do pasado luns 21 de setembro. Para o novo curso deportivo 2020-2021, a Concellería de Deportes ofrece unha ampla variedade de actividades tanto para adultos como para os máis pequenos, ofertando gran diversidade de alternativas para ofrecer un servizo o máis axustado aos gustos e preferencias, polo que se espera superar o número de rexistrados con respecto a anos anteriores. A programación deste ano nace co lema “practica deporte todo o ano”, pretendendo animar e achegar as instalacións municipais a todos os interesados indistintamente do sexo e as idades, fomentando a participación e ofrecendo unha forma cómoda e dirixida de facer deporte.

Póñense en marcha tres programas distintos:

  • Escolas Deportivas Municipais: nela os usuarios poderán realizar actividades como Crossfit, Core, TRX, Ioga, Spinning, Fitness, Ximnasia de Mantemento, Gap, Aeróbic, Pilates, Pilates Terapéutico, Zumba, Ximnasia de Rehabilitación, Circuit Training, Ximnasio Cardio Vascular e adestramento personalizado, todas situadas e desenvolvidas nos distintos espazos deportivos do Pavillón Municipal de Baiona.
  • Deporte Escolar: a desenvolver en cada un dos centros escolares municipais, onde os monitores desenvolverán actividades xa moi instauradas como Multideporte, Baloncesto, Fútbol Sala e outras novidades como Tenis, Pádel, Fitness Júnior, Zumba Infantil, Gym Peques e Cardio Kids (a actividade máis nova que tenta paliar a obesidade infantil e ofrecer formación e liñas de traballo para orientar aos máis pequenos).
  • Outras Escolas Deportivas: as escolas que se desenvolven baixo os convenios de colaboración cos colectivos municipais e que abarca unha multitude moi importante de variedades deportivas a prezos moi competitivos e que permiten diversificar e moito a oferta deportiva. Exemplo diso son as actividades de Vela Lixeira (MRCYB), Ximnasia Rítmica (Club Estelas), Patinaxe Artística (Club Patinaxe Baiona), Tenis (Club de Tenis Baiona), Baloncesto (Club Baloncesto Baiona), Judo (Deputación de Pontevedra – Federación Galega de Judo), Taekwondo (Escolas Deportivas Sey), Loita Olímpica (Club de Loita Sabarís), Windsurf e Stand Up Paddle (Wetsport Ladeira), Xadrez, Tiro con Arco e Escola de Running.

A concelleira de Deportes, Miriam Mar Costas Iriarte, quixo mandar este xoves unha mensaxe de tranquilidade aos proxenitores xa que se van poñer as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo xeral é reducir ao máximo o risco de contaxio e transmisión da pandemia. “Queremos que os pais saiban que o deporte é seguro. Desde o departamento de Deportes do Concello de Baiona deseñouse un protocolo COVID-19 para o uso das instalacións deportivas do Pavillón Municipal así como en todos os centros educativos nos que se impartirán as distintas escolas deportivas. O deporte é saúde e os pais poderán mandar con tranquilidade aos seus fillos para practicar as distintas disciplinas deportivas”.

Para a formación das matrículas os interesados deberán pasar polas oficinas do Pavillón Municipal e acollerse a unha das distintas opcións do perfil do usuario que abarca desde o socio individual, familiar ou pensionista incluso podendo escoller a duración do perfil seleccionado anual, curso escolar (8 meses, de outubro a maio) ou 4 meses. Tamén se pode tramitar vía e-mail. Máis información no teléfono 986 356 558 ou no correo electrónico deportes@baiona.org.