Unha empresa de Nigrán, elixida co seu proxecto industrial de recarga de vehículos no Programa MOVES

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, remitiu a súa felicitación aos directivos da empresa “Efimob Efficient Solutions” por acadar financiamento do IDAE para desenvolver o seu proxecto tecnolóxico para a recarga dos vehículos eléctricos.

Efimob é a única representante galega entre os 25 proxectos que a nivel nacional que contarán con financiación do IDAE dentro da Primeira Convocatoria do Programa MOVES Proxectos Singulares, dotado con 15 millóns de euros.

MOVES Proxectos Singulares actúa de forma complementaria ao Programa MOVES, de impulso á mobilidade eficiente e sostible e na súa primeira convocatoria, aberta o 8 de xullo de 2019, estivo dirixido especificamente a proxectos innovadores de electro mobilidade e a proxectos integrados de mobilidade en contornas urbanas con alto grao de contaminación, situados en illas ou que albergasen bens rexistrados na lista de Patrimonio Mundial da Unesco.

A empresa, radicada en Porto do Molle en Nigrán, presentou o seu proxecto de “Balanceo local intelixente para cargadores rápidos y convencionais”, que cun orzamento total de 343.342 euros consegue ser seleccionada entre máis de 103 proxectos presentados. O financiamento que consegue é de 154.504 euros, o que supón o 55 por cento do custe total do proxecto.

O proxecto consiste no desenvolvemento dun sistema de balanceo de potencia intelixente para a recarga dos vehículos eléctricos. O sistema permitirá que, para una mesma potencia contratada, sexa posible instalar un maior número de cargadores e deste xeito dar servizo a máis vehículos eléctricos cun custe menor que sen balanceo. O sistema será compatible coa maioría dos equipos de recarga do mercado, independentemente do fabricante, incluíndo equipos de recarga en corrente continua.

Larriba subliñou a investigación que desenvolve esta empresa en Porto do Molle sobre os vehículos eléctricos, convertendo a provincia de Pontevedra nun pulo de investigación sobre o novo sistema de mobilidade.