Nigrán dedica un monumento a todos os maiores do municipio

O Concello de Nigrán conmemorou esta mañá o 1 de outubro, Día Internacional das Persoas Maiores, cunha pequena andaina desde o CEIP da Cruz ata o novo miradoiro do Pericoto de Vilar, en Camos. Así, un grupo de 30 persoas de idade previamente inscritas para cumprir estrictamente o protocolo sanitario puido gozar das abraiantes vistas de toda a comarca ao tempo que degustaba chocolate con rosca, ademais, o Concello os agasallou cun diploma e unha mochila.O colofón da xornada foi o descubrimento dun monumento de pedra ao carón do propio miradoiro, obra de Gerardo Ferreira “Coello”, presidente da Comunidade de Montes de Camos e artífice da idea. Trátase dun penedo natural no que, nunha das súas caras, Ferreira esculpiu en baixo-relieve o mapa de Nigrán coas súas 7 parroquias nomeadas alí mesmo. Unha pequena placa en aceiro situada xusto baixo o mapa reza “Aos nosos maiores, mestres de vida”.“Recentemente estreamos este miradoiro e a propia edil de Maiores, María Mayán, considerou que era o mellor sitio para conmemorar este día que non quixemos deixar pasar; queremos seguir facendo actos para vós pero adaptados á nova realidade, con total seguridade tamén podemos xuntarnos. Aquí podemos gozar da tranquilidade da contorna, observar toda a comarca e pasar xuntos un bo momento”, sinalou Juan González, alcalde de Nigrán, ante o grupo de participantes, agradecendo especialmente a Gerardo a súa contribución “mediante un monumento que se adapta perfectamente á contorna”.