Povisa colabora cunha startup sanitaria para mellorar a experiencia do paciente

Especialistas do hospital Povisa están a colaborar cun equipo da startup sanitaria Freedom and Flow para mellorar a experiencia do paciente a través dunha prevención e promoción da saúde de forma máis personalizada.

A startup é unha das tres seleccionadas polo programa Corporate, que forma parte do acordo estratéxico entre Ribera Salud e Lanzadera que busca fomentar a innovación aberta e axudar á consolidación e crecemento de startups que crean valor no ámbito sanitario. Con este acordo, as startups desenvolverán durante oito meses un piloto co obxectivo de implementar os seus servizos dentro da compañía.

Freedom and Flow desenvolveu un produto chamado Wellbeing Score, que en base a uns cuestionarios enfocados aos aspectos físicos, emocionais, da contorna do paciente e do seu ámbito social, analiza e valora o estado xeral de benestar dunha persoa en todas estas dimensións. E en base a esa valoración establece un plan de seguimento personalizado, con recomendacións, obxectivos e accións fixadas por profesionais clínicos, que se pautarán a cada paciente.

O equipo de Freedom and Flow está a traballar xa con diferentes especialistas do hospital Povisa para crear os perfís e fixar os diferentes plans de seguimento que permitan traballar de forma máis personalizada na prevención e promoción da saúde.

Freedom and Flow, Legit Health e Tucuvi, súmanse así ás outras dúas startups incubadas en Ribera Salud – HumanItCare e Serenmind- tamén no contexto do programa Corporate de Lanzadera, e que xa están a aplicar os seus proxectos piloto en varios centros sanitarios do grupo sanitario, coa axuda dos seus profesionais clínicos.

Deste xeito avánzase a maior velocidade na innovación aplicada á atención sanitaria, para complementar a liña do traballo que realiza a filial tecnolóxica de Ribera Salud, FutuRS, e sempre buscando mellorar a asistencia aos pacientes e facilitar o tratamento de datos que axuden aos profesionais para tomar as mellores decisións.

Das máis de 100 candidaturas presentadas inicialmente nesta segunda edición, 40 pasaron á fase de entrevistas e análises en profundidade do proxecto e os seus equipos. Quedaron seis startups preseleccionadas que, tras unha xornada de traballo e presentacións en Lanzadera o pasado mes de xuño, elixíronse tres proxectos para terminar de definirse e probarse nos centros de Ribera Salud.

Tucuvi é un coidador virtual con intelixencia artificial e tecnoloxía de voz, capaz de facer máis de 100.000 chamadas ao día para programar un seguimento dos pacientes asignados. Non é un contestador nin unha voz cunha mensaxe fixa, senón que sabe que preguntar e “entende” o que lle contestan, porque procesa todas as respostas. Legit Health, pola súa banda, é unha aplicación que aplica a intelixencia artificial ao seguimento de patoloxías dermatolóxicas. Utilizarase inicialmente con pacientes xa diagnosticados con problemas de acne, dermatite atópica, psoriase, urticaria e hidrosadenitis. Ambas están a colaborar con especialistas do Hospital Universitario de Torrejón.