O IES Val Miñor implantará a partir deste curso académico o programa de bacharelato de excelencia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // IES Val Miñor.

O IES Val Miñor foi seleccionado para desenvolver o programa STEMbach a partir deste curso académico. O alumnado participante desenvolverá un proxecto de investigación orixinal ao longo dos dous anos nos que cursa bacharelato. Os proxectos estarán cotitorizados por profesorado do centro así como por profesores universitarios e o alumnado deberá expoñer e defender o seu traballo diante dun tribunal.

A participación no STEMbach supoñerá para o alumnado unha aprendizaxe moi importante de cara aos estudos superiores, tanto de formación profesional como universitarios onde tamén, neste caso, o alumnado deberá elaborar, presentar e defender un traballo de investigación de fin de grao. A superación deste programa implicará unha certificación académica que constará no expediente académico do alumnado.

O IES Val Miñor centrará os seus proxectos de investigación en torno á relación do home co mar dada a importancia que este ten na contorna xeográfica na que se atopa o centro.

O programa STEMbach ten por obxectivo fomentar a vocación investigadora entre o alumnado e desenvolver as habilidades e competencias para o traballo creativo e crítico e as destrezas comunicativas. Este ano o IES Val Miñor, xunto a oito institutos máis incorpóranse ao programa STEMbach, polo que en toda Galicia, tan só 38 centros de ensino secundario desenvolven este programa.