O goberno local de Nigrán insta á Xunta a que forneza de máscaras á comunidade educativa

O goberno local aprobou dúas emendas a sendas mocións do PP nas que, inicialmente, o grupo popular lle requiría ao Concello que sufragase os gastos de máscaras das diferentes comunidades educativas e, por outro, que asumise a convocatoria de premios á innovación de empresas. Así, o goberno propuxo que ambas cuestións fosen ao cargo da Xunta ao seren da súa competencia, aprobando a primeira coa abstención do PP e a segunda co seu voto en contra. “Están a presentar mocións en contra dos intereses da veciñanza de Nigrán só para defender ao goberno da Xunta, que é a quen lle teñen que requirir que asuma as súas competencias; está claro que non lles importa prexudicar as arcas municipais ao pretender que sigamos asumindo custes que non nos corresponden”, defendeu o rexedor. Pola súa banda, Marina Vidal, edil de Educación e mestra, sinalou o “abandono” da Xunta das súas responsabilidades: “No Concello estamos desde o minuto 1 da pandemia traballando coas direccións dos centros, apoiando en todo, entregando fotocopias, máscaras transparentes para os mestres de Audición e Linguaxe, asumindo a desinfección extra, mesmo aportamos o Pavillón Municipal para que o IES Val Miñor poida facer Educación Física mentres a Xunta non lles facilita o transporte ao mesmo”, incidiu Vidal, quen recordou ao voceiro do PP que a semana pasada o propio PP votou en contra no Parlamento de fornecer de máscaras ás comunidades educativas.