Nigrán aproba por unanimidade o Plan Estratéxico de Subvencións 2020-2023

O Concello de Nigrán aprobou no pleno ordinario deste mes o Plan Estratéxico de Subvencións 2020-2023 co voto a favor de toda a corporación, o que significa que quedarán xa consignadas nos respectivos orzamentos. Tal e como se anunciara, mantéñense iguais as habituais axudas a actividades deportivas, culturais, participación veciñal, servizos sociais, educación (material escolar) ou empregabilidade (becas para o primeiro emprego ou oficina de turismo) e engádense importantes novidades como axudas ás comunidades de augas (10.000 €) ou subvencións directas a varias entidades (CEE Juan María, Menela e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí).

“Trátase de fomentar desde o Concello a realización de actividades de utilidade pública ou interese social a través dun plan que mellora a eficacia na asignación de recursos públicos; a experiencia do anterior plan levounos a manter as mesmas axudas incorporando agora aspectos novos e, por vez primeira, liñas directas”, resumiu Juan González, alcalde de Nigrán.

Modificación de crédito

Pola súa banda, o goberno de Nigrán aprobou diversas modificacións de crédito, unha delas correspondente a 61.000 € en total para a instalación de aire acondicionado no Centro Antena (35.000 €) e desinfección extra (26.000 €) por mor do Covid-19 que ten que facer o Concello de Nigrán nos centros educativos. “Son dúas cuestións precisamente competencia da Xunta de Galicia pero que por responsabilidade asumimos desde o Concello, non contabamos con que nin sequera sufragasen o custe de limpeza extra dos colexios e vémonos na obriga de aumentar esa partida ante o escaqueo do goberno autonómico. Pola súa banda, a Xunta obriga a que instalemos aire acondicionado no Centro Antena se queremos seguir ofrecendo formación, así que temos que adquirir a maquinaria sen ningunha colaboración pola súa banda”, explica o alcalde.