ADM dá o salto a mercados internacionais coas súas novas instalacións de Porto do Molle

“Se sempre é unha satisfacción asinar a venda dunha parcela, máis satisfactorio é ver como, neste ano, unha empresa crece para afianzar emprego e alcanzar mercados internacionais desde Porto do Molle”. Con esta frase o Delegado de Zona Franca, David Regades, saudou esta mañá a Miguel Alonso e a Alberto Covelo, socios de ADM, especialistas en enxeñería de procesos, que desde dúas das naves bioclimáticas que ocupa desde 2016 van construír as súas novas instalacións nunha parcela de 5.477 metros cadrados. Nesta nova localización a empresa dispoñerá dunha planta desde a que poder facer fronte aos plans de expansión do grupo, un referente no sector da industria de procesado de peixe, e que recentemente asinou acordos cunha rede comercial para construír fábricas a nivel mundial. Estes plans internacionais comezarán por realizar novas instalacións en Ecuador para continuar crecendo en Dubai, Qatar, Chile e Xapón.

Como explicou Miguel Alonso, estas novas instalacións de ADM dispoñerán nunha primeira fase de 1.500 metros cadros de taller e 600 de oficinas e, nunha segunda fase que se executará en tres ou catro anos, ampliaranse ata alcanzar os 3.000 metros cadrados de taller. A actividade de ADM abarca diversos sectores empresariais como a fabricación de maquinaria industrial para o sector de procesado de produtos do mar e a aplicación de diferentes solucións para o transporte de elementos nas plantas de produción. En palabras do seu directivo “se os dous exercicios anteriores foron os dous mellores na nosa conta de resultados, temos a sorte de poder dicir que pecharemos este ano cunha facturación que só baixará minimamente e, ademais, os pedidos que xa temos en carteira farán que o 2021 a empresa vaia aínda mellor”. En total a compañía investiu nesta adquisición un total de 664.525 euros, IVE non incluído.

David Regades tamén aproveitou a visita para inspeccionar a parcela de Porto do Molle onde Zona Franca vai investir seis millóns de euros nun edificio modular que acollerá catorce novas naves, talleres e oficinas destinadas a pemes e cuxa construción comezará este mesmo outono.