O CEMMA constata 29 contactos con candorcas desde o 10 de agosto

Desde o 10 de agosto rexistráronse un total de 29 avistamentos entre embarcacións e candorcas en augas galegas, o primeiro deles en cabo Touriñán, e das cales unha quincena consideráronse interaccións ao existir contactos con desenlaces de diversa consideración, aínda que sen danos a humanos.

Os datos facilitados por Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños con sede en Nigrán, durante a videoconferencia celebrada esta semana e que contou con científicos pertencentes ao Grupo de Traballo de Candorcas Atlánticas e Elvira García Bellido, xefa de Área de Especies e Hábitats Mariños, Subdirección Xeral de Biodiversidade Terrestre e Mariña para explicar as situacións vividas entre os veleiros e mamíferos mariños, reiteran que non se tratan de ataques senón de “interaccións” provocadas por un grupo reducido de cetáceos novos, aínda que admitiron carecer de datos concluíntes que aclaren a razón que lles move a achegarse aos veleiros, “xogar” cos seus temóns ata rompelos ou provocar cambios bruscos de 180 graos nas traxectorias das embarcacións.

Desde o CEMMA fixeron fincapé en que se enfrontan a unha situación completamente nova en todo o mundo aínda que se desprenden varias conxecturas. O feito de que as candorcas permanezan tanto tempo en augas galegas podería responder a cambios no ecosistema mariño e o aumento de bancos de atún vermello, o seu principal alimento. Sobre as interaccións, López considera que ao tratarse de exemplares novos que senten atraídas presa da curiosidade.