Sanidade iniciará a campaña de vacinación antigripal o 13 de outubro con 865.830 doses

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade iniciará este ano a campaña de vacinación antigripal entre o 13 de outubro para a poboación en xeral e o 31 de decembro deste ano. Os profesionais sanitarios poderán iniciar a súa vacinación a partir do 5 de outubro. Sanidade mantén esta medida de adiantar unha semana a vacinación dos profesionais sanitarios dados os bos resultados acadados nas campañas anteriores e para facilitar e favorecer a inmunización previa ao inicio da mesma.

Galicia ten este ano un total de 865.830 doses dispoñibles para esta campaña, 200.830 doses máis que na campaña do 2019, e suficientes para conseguir e incluso incrementar estas altas coberturas propostas como obxectivo. A Consellería de Sanidade mercou inicialmente un total de 617.500 doses cun orzamento total para a compra destas vacinas de 3.234.738 euros, e o resto de doses, un total de 248.330, son subministradas polo Ministerio de Sanidade.

Este ano vacinarse fronte á gripe ten unha especial relevancia, xa que no contexto da pandemia polo covid poden coincidir ambas infeccións, de aí a importancia da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade.

A vacinación ofértase gratuitamente para todas as persoas nas que está indicada a vacinación como as de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe.

A vacinación antigripal tamén é especialmente relevante, máis que nunca, nos traballadores sanitarios, colectivo imprescindible na loita fronte ao SARS-CoV-2. Tamén é importante a oferta de vacinación antigripal ao persoal socio sanitario das residencias ou de coidado a persoas vulnerables e tamén para persoas que desenvolven servizos esencias para a comunidade.

Prevención para reducir impacto

O obxectivo principal desta actuación estacional é, mediante a prevención, tentar reducir a mortalidade, a morbilidade e o impacto da enfermidade, para iso ofértase a vacinación de xeito gratuíto ás persoas maiores de 60 anos ou a menores desa idade con factores de risco co fin de acadar unhas adecuadas coberturas que reduzan esa morbimortalidade e os custos socio-económicos asociados ao seu padecemento.

Os obxectivos da vacinación antigripal en Galicia están adaptados ás recomendacións da OMS, e entre eles destaca a cobertura na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde igual ou superior ao 75% e en embarazadas e persoas pertencentes a grupos de risco igual ou superior ao 60%

Entre as novidades deste ano destaca a inclusión na poboación diana como grupo de risco as mulleres no puerperio, ata 6 meses tralo parto, se non foron vacinadas durante o embarazo.

Tres tipos de vacinas da campaña

A Consellería de Sanidade intenta acadar os produtos máis vantaxosos dispoñibles no mercado e adecuar ao máximo as vacinas utilizadas e as características da poboación á que van destinadas, co axuste da mellor indicación para cada unha delas.

Por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga, 60 microgramos, para as persoas máis vulnerables, persoas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias.

Ademais, empregaranse vacinas antigripais tetravalentes, para toda a poboación en risco entre os 6 meses e os 64 anos; vacina trivalente adxuvada, de maior poder inmunoxénico para todos as persoas de 65 ou máis anos.