Povisa lidera un estudo para reducir á metade a miopía en nenos

O tratamento con colirio de atropina podería reducir á metade a progresión da miopía en nenos. Así se desprende dun estudo multicéntrico coordinado pola Dra. Inés Pérez, oftalmóloga de Povisa e especialista en Estrabismo, no que participan doce centros públicos e privados españois.

“Cremos que pode ser un tratamento de primeira liña”, avanza a especialista, que aplica este tratamento na súa consulta de Povisa desde fai máis de tres anos. O obxectivo do estudo que lidera a Dra. Pérez é avaliar a resposta ao tratamento con atropina en nenos miopes españois. Todos os pacientes, máis dun centenar e de idades comprendidas entre 6 e 14 anos, presentaban un incremento anual previo de máis dunha dioptría. Tras un ano de tratamento, en máis do 60% dos casos logrouse reducir a progresión a 0.5 dioptrías. “Na práctica clínica habitual o rango de idade é máis amplo, e tratamos nenos entre 5 e 17 anos, a partir desa idade a miopía xa progresa máis amodo, polo que o tratamento podería non achegar un valor engadido”, explica a oftalmóloga.

Os resultados do primeiro ano do estudo preséntanse esta tarde no 96º Congreso da Sociedade Española de Oftalmoloxía, o primeiro que se celebra de forma virtual pola situación sanitaria actual provocada pola COVID-19.

Pérez detalla que a atropina actúa sobre o crecemento do globo ocular. “O ollo miope é un ollo que crece e a medida que o fai, aumenta as súas dioptrías ópticas. A atropina diminúe tanto a progresión das dioptrías como o crecemento da lonxitude axial do globo ocular”.

“O estudo realizámolo para solicitar datos obxectivos pero eu levo máis de tres anos aplicándoo. O tratamento consiste en poñer unha pinga do colirio ao neno todos os días pola noite”, precisa. A Dra. Pérez refire que ten pacientes que realizaron o tratamento durante dous anos e interrompérono durante outros dous sen que aumentase a súa miopía ao suspender o tratamento.

“A solución non está comercializada en España nin na maioría dos países. O que facemos os médicos é prescribila como fórmula maxistral e os pacientes diríxense a farmacias autorizadas pola AEMPS para compralo”, engade Pérez, que confía en que nun prazo de dous anos estea comercializado a nivel mundial.

A miopía, lembra a Dra. Pérez, é un defecto óptico progresivo que pode empezar na infancia e continuar na idade adulta nova. A prevalencia actual a nivel mundial é do 30%, pero as previsións apuntan a que en 2050 sexa do 50%. Cando a miopía supera as cinco dioptrías cualifícase o paciente como miope magno e estas persoas teñen un elevado risco de sufrir danos na retina (cataratas, estrabismo con visión dobre ou glaucoma, entre outros problemas graves). “Por este motivo hai un gran interese en todos aqueles métodos que poidan diminuír a progresión da miopía, que é incurable e non vai desaparecer, pero se reducimos a súa progresión anual haberá un número menor de miopes magnos”, explicou.

“É un problema de saúde pública a nivel mundial”, remarca a Dra. Pérez, que deseñou o protocolo do estudo fai xa tres anos. Desde entón, obtivo a validación da Axencia Española do Medicamento e a autorización dos Comités de Ética das comunidades participantes antes de comezar o estudo, que agora se atopa no seu segundo ano. “A pauta é tratar durante dous anos e suspender durante un máis para ver que ocorre porque hai nenos que tras dous anos xa non seguen progresando e outros que si e hai que volver tratalos”, subliña.