Enfadados pola información do Sergas sobre os positivos nos colexios do Val Miñor

Enfado. Esa é a palabra que se utiliza desde a dirección do IES Escolas Proval de Nigrán. Co inicio do curso escolar o departamento de comunicación do Sergas informa diariamente os medios de comunicación sobre os positivos por Covid-19 detectados nas escolas infantís e centros escolares de toda Galicia, facilitando unha lista na que se recolle o número de positivos e aulas e centros pechados. Con todo, varias direccións de centros educativos do Val Miñor denuncian que, ademais de coñecer estes datos pola prensa, son erróneos.

O primeiro en sufrilo foi o CPR Estudio de Chandebrito o pasado 19 de setembro, cando desde a dirección tívose que publicar un comunicado despois de ler nos medios de comunicación que se detectou un positivo no colexio nigranés.

O mesmo sucedeu este martes, 22 de setembro, ao parecer na lista do Sergas o CEIP Fontes Baíña de Baiona. Ao non ter constancia de ningún positivo no centro, a dirección enviou unha nota ás familias aclarando a información. Ao día seguinte, o mércores, o colexio baionés desaparecía da listaxe facilitada pola Consellería de Sanidade sen aclaración algunha.

Este xoves volveuse repetir, non nun senón en dous centros de Nigrán. A relación facilitada polo Sergas recollía un positivo no IES Val Miñor e dous no IES Escolas Proval, sendo segundo os directores de ambos os dous centros falso. No caso do IES Val Miñor a persoa que deu positivo non chegou a incorporarse ao instituto, e no do IES Escolas Proval trátase de dous alumnos pendentes de coñecer os resultados das probas PCR e que tampouco se incorporaron ás clases.

Segundo os equipos directivos dos centros afectados esta información errónea está a provocar un alarmismo innecesario e unha avalancha de chamadas das familias para verificalo, saturando os xa de seu escasos recursos cos que contan.