Catro positivos por Covid-19 en escolas infantís e centros educativos do Val Miñor

A Área Sanitaria de Vigo rexistra 28 casos positivos por Covid-19 en escolas infantís e centros educativos. Así o reflicte a información actualizada facilitada pola Consellería de Sanidade. No que se refire ao Val Miñor, son un total de catro.

En Nigrán hai un positivo na Escola Infantil, na que segundo a Xunta pechouse unha aula, e outro no CPR Estudio de Chandebrito. Neste último caso trátase dunha mestra que está en corentena desde agosto e que deu positivo antes do comezo do curso, polo que non se incorporou aínda ao centro, que segundo informou o seu estado de saúde e bo e reincorporarase unha vez superada a enfermidade.

En Baiona detectáronse outros dous positivos por coronavirus, un no CEIP Plurilingüe de Belesar e outro no CEIP Fontes-Baíña. Segundo os datos achegados polo Sergas, en ambos os dous centros non hai ningunha aula pechada.

O total en Galicia de casos vinculados a escolas infantís e centros educativos son 161, con 35 aulas pechadas e ningún centro pechado.