A Biblioteca de Nigrán continúa este venres coas sesións de contacontos infantís no Auditorio Municipal

A Biblioteca de Nigrán ofrece este venres 25 de setembro no Auditorio Municipal un novo contacontos infantil a través do programa de dinamización á lectura “Ler conta Moito”. Por cuestións de seguridade sanitaria é imprescindible a inscrición previa na propia biblioteca, no correo nigran.rbgalicia@eidolocal.es ou no 986383979.

Nesta ocasión será a sesión “Unha viaxe para cantar e contar”, a cargo de “Donde Viven los Cuentos” e para idades de 0 a 5 anos. Este contacontos é unha viaxe polos sentidos. A través de diferentes contos e xogos con teas, obxectos, luces, sons e música, os máis cativos irán recorrendo na súa barquiña unha chea de illas nas que viviremos aventuras trepidantes o mesmo tempo que aprenderemos conceptos como: as cores, os números, as formas, as partes do corpo.

A terceira sesión será o xoves 1 de outubro con “Cinema Marabillas. Ver para ler”, a cargo de Raquel Queizás e para crianzas a partir de 5 anos. Descubriremos a amizade entre o cine e a literatura infantil e xuvenil. Gozaremos coa proxección de fragmentos das primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos marabillosos e nos libros clásicos da literatura. O obxectivo e facerlles ver que esas historias que coñecen poden contarse de diferentes maneiras. Non faltará aventura, misterio, tenrura, maxia, fantasía e sobre todo moita imaxinación.

Finalmente, Raquel Queizás remata o ciclo o 8 de outubro con “Travesías. Aventuras de libro” para crianzas a partir de 3 anos. Agardan por nós viaxes cheas de aventuras nas que coñeceremos a nenas e mulleres bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. Ata fai moi pouco tempo os contos infantís reflectían un mundo onde os mozos eran sempre os heroes que salvaban a unha débil princesa. E case nunca aparecían mozas decididas e resoltas. Pero agora podemos contar con contos que transmiten valores de igualdade, de respecto e convivencia entre nenas e nenos e entre mulleres e homes.