O servizo de salvamento e socorrismo do Val Miñor sumou 1.300 intervencións

Coa entrada da segunda quincena de setembro o Val Miñor afronta xa a tempada de outono, e deixa atrás un verán no que os hábitos de bañistas e usuarios das praias da comarca apenas diferiron de anos anteriores, polo menos durante o mes de agosto. Así o confirmaron fontes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor, que resaltaron que aínda que a entrada do mes de xullo, momento no que se incorporaron os 23 socorristas contratados e un reforzo da agrupación de voluntarios que ascendeu ata as 57 persoas, viviuse con certo temor motivado pola nova normalidade, aos poucos o ambiente foise relaxando.

Con todo, cabe destacar que aínda que o inicio viviuse con menos volume de persoas, os rexistros dos que os efectivos dispoñen a pé de praia constataron un maior número de turistas procedentes de fóra da comunidade galega, entre un 70 e un 80% dos atendidos nas casetas. Así, durante os dous meses e medio que durou o servizo de vixilancia de primeira liña anotaron un total 615 incidencias menores e 9 maiores en Nigrán, mentres que en Baiona sumaron 645 ademais doutras 10 que precisaron a intervención de ambulancias, o que suma un total de 1.279.

Deste xeito o balance de tempada facilitado polos efectivos de Protección Civil conclúe que a praia menos cívica foi a de Patos, onde en reiteradas ocasións os bañistas ignoraron as indicacións de voluntarios e socorristas. Por contra, os usuarios do areal máis “obediente” foron os de Praia América, mentres que nos de Baiona a tónica xeneralizada foi boa.

En canto á linguaxe de bandeiras en praias, que se utilizou por primeira vez este ano para indicar o seu aforo, explicaron que non foron poucas as veces nas que tiveron que cambiar o estandarte verde polo amarelo. Aquí lideran a clasificación Barbeira, Concheira, Frades e Santa Marta debido sobre todo ás súas dimensións sumado á pleamar con mareas vivas de tarde do mesmo xeito que na de Patos, aínda que nesta localización os excesos de capacidade en primeira liña repetíronse case a diario durante todo agosto.

En canto ás medidas adoptadas coa nova normalidade resaltaron que en termos xerais cumpriuse co uso da máscara, e quizais os momentos de menor cumprimento coincidiron cos cambios de quincena que conlevan a chegada de novos turistas.