O PP de Baiona traslada á Deputación o abandono de proxectos financiados cos seus fondos

O PP de Baiona informou nos últimos días á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, da “mala xestión” que o goberno local fai das axudas que recibe do ente provincial. Aínda que existen outras, o caso máis rechamante é o da antiga cetaria de Monte do Boi para a que o Concello recibiu hai só dous anos 70.000 euros para crear o único talaso natural de auga salgada de Galicia, público e gratuíto para os usuarios.

Ademais, este complexo terapéutico exclusivo recollido no Proxecto Poseidón, recibiu o prestixioso galardón “The Best of Top 100 Destinations” na súa categoría “Best of Seaside” (o mellor da zona costeira) outorgado en marzo de 2019 en Berlín pola organización internacional Green Destinations. Con todo, e a pesar dos recoñecementos e a demanda cidadá, ao 18 de setembro continúa parado e desinstalado sen motivo algún.

“Consideramos que este balneario natural e ao aire libre podía estar en funcionamento desde hai meses adaptándoo á nova normalidade de forma sinxela, sen custo algún para o Concello, e así llo expomos ao goberno local en distintas ocasións ao longo destes seis meses pero estamos en setembro e aínda non o fixo”, indican desde o PP.

O grupo municipal popular realiza esta comunicación como un exercicio de responsabilidade ante a súa “preocupación” e “malestar” por como se atopan instalacións pola “mala aplicación” que o actual grupo de goberno está a dar ás prestacións que a Deputación concede ao Concello. Así, solicitan a Carmela Silva que tome cartas no asunto e solicite ao rexedor, o socialista Carlos Gómez, que “reconduza” a situación e utilice “adecuadamente” estas axudas que proceden do diñeiro de todos os cidadáns da provincia de Pontevedra.