Nigrán habilita un miradoiro no Piricoto do Vilar en Camos

O Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Camos veñen de habilitar un miradoiro no coñecido popularmente como o “Piricoto do Vilar”, no parque forestal á beira do coñecido como sendeiro das Medoñas que se inicia en Priegue, atravesa Camos e finaliza en Chandebrito. A infraestrutura de madeira de pino tratada para exterior (encargada a unha carpintería do municipio e cun investimento de 3.000 €) mide uns 15 metros cadrados e se asenta sobre unha rocha xa frecuentada desde sempre pola veciñanza pola súa sorprendente panorámica de toda a comarca. Desde ela pódese divisar a parroquia de Camos desde unha perspectiva moi pouco coñecida, coa rúa San Roque e o Torreiro como eixos dunhas vistas que abarcan desde o extremo esquerdo con Chandebrito ata todo o litoral de Nigrán e Baiona á dereita.

“É unha panorámica impresionante, moi pouco coñecida, onde podemos ver Camos e todo o Val Miñor desde unha perspectiva única e case diría que inédita”, incide o alcalde, Juan González, quen encadra a iniciativa na súa aposta por promover “o encanto das parroquias do interior e os seus sendeiros forestais máxicos”. “Seguimos co noso lema de ‘Nigrán, equilibrio natural’, onde mar e montaña se dan a man en perfecta harmonía”, destaca. “Incentivamos que a xente camiñe polos nosos montes e coñeza a nosa parroquia, é un xeito máis de por Camos en valor”, engade Gerardo Ferreira, presidente da Comunidade de Montes.