O PP de Nigrán propón axudas a Pemes e Autónomos para o mantemento do emprego

DCIMPANORAMA100_0097PAN

Durante o mes de agosto, o paro rexistrado en Nigrán foi de 1.093 persoas, o que representa un 13,5% da poboación activa. Desta cifra, 775 persoas (70,9%) pertencen ao sector servizos, e 576 persoas (52%), a maiores de 45 anos. Tendo en conta que hai 1.000 persoas, aproximadamente, en ERTE, e ante o posible repunte de paro despois de setembro, o PP de Nigrán presentou unha moción para instar o Goberno Municipal a establecer axudas ao fomento e mantemento do emprego, para autónomos e pemes do municipio.

“Ante este panorama, cremos que é fundamental axudar ás familias de Nigrán apoiando aos autónomos e pemes para que manteñan e fomenten o emprego no municipio. Aínda que o Concello carece de competencias respecto diso, a lei de Réxime Local permite aos Concellos asumilas sempre que se manteña a sustentabilidade financeira e non entren en conflito con outras axudas doutras administracións”, afirman os populares.

O Concello de Nigrán mantén partidas orzamentarias do 2020 que non se executaron aínda, que poderían usarse segundo o PP para dotar este fondo de axudas. Por outra banda, o Goberno acaba de aprobar por Decreto que durante o 2020 non se terá que aplicar a regra de gasto, podendo facer uso do superávit dos anos 2018 e 2019.

A proposta consiste na axuda a empresas e autónomos de 3 meses no 2020 e outros 3 meses no orzamento do 2021, por un importe cada unha de 180.000€, o que permitiría manter ou fomentar 150 empregos en empresas durante os 3 meses de cada período, ofrecendo 400€ mensuais por novas contratacións ou a recuperación de persoal en ERES ou ERTES.

En cada solicitude debería figurar a razón pola cal non tramitaron outras axudas así como o obxectivo social que se pretende conseguir. Na puntuación deberían valorarse o compromiso de permanencia no emprego que se ofreza, e a viabilidade do proxecto, o emprendemento, a situación familiar dos contratados, a mocidade, o xénero, e as discapacidades dos mesmos, para poder axudar fundamentalmente aos que máis o necesitan.

A axuda limitaríase a autónomos e empresas con ata 15 traballadores cun mínimo de 1 empregado (ata 5 traballadores), 2 (ata 10 traballadores) e un máximo de 3 (ata 15 traballadores).

“Esperamos que o Sr. Alcalde apoie a iniciativa e permita a moitas familias de Nigrán mellorar as súas expectativas de emprego, algo básico para o benestar familiar”, conclúen os populares.