O balón volve rodar en Couso tras 34 anos de pausa

Couso presenta un recinto polifuncional para eventos. Este espazo multifuncional creado pola Comunidade de Montes de Couso, dispón de varias áreas. O núcleo está constituído por un campo de fútbol de grandes dimensións. 98 metros de longo por 56 de ancho. Este campo foi cedido ao Club Deportivo Couso por un período de catro anos. Pódese afirmar que tras 34 anos de pausa, o balón volve rodar en Couso, grazas a esta infraestrutura veciñal.

Os traballos de recuperación comezaron no ano 2010, coa autorización da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Neste ano en curso, rematouse de acondicionar para o seu uso cunha capa de xabre. Dispón así mesmo dos elementos necesarios para a práctica deportiva regular, xa que as porterías están dotadas de redes, existen banquiños para os xogadores non titulares, bandeirolas de córner, etc.

O novo recinto para eventos ten unha superficie total de máis de 8.700 m2, perimetrados rectangularmente por laterais de 128m e 68m respectivamente. Na zona colateral están outros 2.000 m2, como sector de aparcamento, para facilitar a mobilidade dos deportistas ou usuarios do recinto de eventos.

Aínda que non se pode considerar unha pista de atletismo oficial, xa que non cumpre os requisitos que a regulamentación desta especialidade deportiva esixe, si que é un área moi acaída para adestramento, e práctica deportiva.

Non só está deseñado para actividades deportivas, senón que polas súas características e dimensións faino potencial receptor doutro tipo de eventos como concertos, feiras, espectáculos, eventos culturais que requiran de grandes dimensións etc.

“Esta área da Parroquia de Couso (Gondomar), que xa está dispoñible, ten vocación aberta, e aspira a recibir outros actos promovidos por outras plataformas, asociacións, organizacións ou empresas de Gondomar, do Val Miñor, ou de fóra do Val”, afirma o presidente da Comunidade de Montes, Xosé Antón Araúxo.