Moreira vístese de líder na contrarreloxo da Volta a Valencia

Por primeira vez na súa historia o Vigo-Rías Baixas lidera a Volta a Valencia, unha das citas máis prestixiosas do calendario Elite-Sub23. Mauricio Moreira vestiuse de amarelo este venres tras marcar o segundo mellor tempo na contrarreloxo individual de 20,8 quilómetros celebrada en Llíria. O uruguaio da estrutura presidida por José Luis Chamorro chega no máis alto da xeral á etapa raíña da rolda mediterránea.

O ciclista charrúa foi o penúltimo corredor en tomar a saída ao finalizar segundo na primeira xornada da Volta. Especialista en “cronos”, Moreira asinou o segundo mellor rexistro no punto intermedio establecido no ecuador do percorrido, pasando a 5 segundos do ruso Lev Gonov (Lokosphinx), e situouse como líder virtual. Álex Martín (Kometa), o vencedor da primeira etapa con 9” de vantaxe sobre o uruguaio, cedía nesa referencia 59” respecto ao xefe de filas do Vigo-Rías Baixas.

Os cinco primeiros postos non variaron na segunda parte dunha contrarreloxo ideal para rodadores. Moreira detivo o reloxo en 24:58, quedando a 12” de Gonov.

O terceiro clasificado da xornada, Yago Segovia (Kometa), perdeu 27” respecto ao gañador, mentres que o portador da camisola amarela acabou a 1:57 do uruguaio. Outra destacada actuación no Vigo-Rías Baixas callouna Noel Martín, 14º a 1:29 do vencedor, mentres que Víctor Etxeberria ocupou o 63º posto, a 3:40.

Na xeral, Moreira conta con 10” de vantaxe sobre Gonov e con 28” respecto a Segovia. Os seis primeiros atópanse nunha marxe de 46” e na sétima posición aparece Noel Martín, a 1:30 do seu compañeiro de equipo.

O novo líder, que tamén encabeza a clasificación da regularidade, realizará a súa primeira defensa da camisola amarela este sábado na xornada máis montañosa da Volta. Esta penúltima etapa arrincará en Benageber e no seu 143 km presenta tres portos de montaña antes da ascensión final á Ermida do Remedio, unha subida de case 8 km cunha pendente media do 6,6% e cuxas ramplas máis duras alcanzan o 14%.