Comeza o curso sen incidencias nos centros escolares de Baiona

O concelleiro de Educación do Concello de Baiona, Óscar Carreño, informou que “o inicio do curso realizouse dunha forma ordenada e sen ningún tipo de incidencias”. “Hoxe comeza un novo curso atípico con novas normativas contra o Covid-19 ás que tanto nenos e profesores teñen que adaptarse”, dixo Carreño, quen engadiu que “a entrada nos centros escolares realizouse de maneira graduada”.

Pola súa banda, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Óscar Martínez, comunica que “a Policía Local controlou o tráfico rodado, tanto no centro de Cova Terreña como no de Sabarís, sen ter que comunicar ningunha incidencia, e avanzou que “se seguirá prestando este servizo durante todo o curso escolar co fin de garantir a seguridade de todos os nenos e nenas”.

O Goberno do Concello de Baiona intensificou a limpeza e desinfección dos centros.

O alcalde, Carlos Gómez Prado, insistiu en trasladar a todos os veciños e veciñas de Baiona “a máxima tranquilidade” e “o seu compromiso cos cidadáns” para que, ademais doutras medidas que xa se tomaron noutros eidos, “os colexios e institutos sexan contornas seguras, seguindo as recomendacións sanitarias como consecuencia do Covid-19”.