Baiona crea o BaiOutono na súa aposta pola desestacionalización

Primeiro foi o Baiverán, despois o BaiNadal, e agora a Concellería de Cultura de Baiona crea o BaiOutono, nunha aposta do equipo de goberno pola desestacionalización da Vila, e co obxectivo de “seguir apoiando aos veciños e veciñas, creando unha contorna segura onde proporcionar momentos de alegría e diversión, e conseguir que sexa un punto de referencia en toda a contorna durante todo o ano e así dinamizar Baiona”, explicou o alcalde, Carlos Gómez, esta mañá durante a presentación da nova imaxe de marca do municipio.

Para isto estase montando un escenario na Praza do Concello, para poder gozar del no inverno, ademais dunha carpa para o público onde se controlará o aforo e todas as medidas de seguridade. Nesta programación, ofrecerase durante o mes de setembro teatro, cinema familiar e música, comezando mañá sábado no Auditorio V Centenario co espectáculo “Running Polo Camiño, Unha Suorenta Comedia”.

En outubro haberá unha programación dedicada á memoria histórica con cinema, documentais, coloquios e exposicións. Ese mesmo mes celebraranse fins de semana temáticas: Ritmos da Hispanidade, Sons do Casco (aprazado pola pandemia), Circuíto Teatro Amador,…

O alcalde finalizou a presentación asegurando que en Baiona “seguimos apostando polo noso slogan Refúxiate na Cultura e que grazas aos nosos veciños e veciñas seguiremos adiante con seguridade, convertendo a Baiona nisto mesmo: Un refuxio”.