Nigrán estrea un gran mural do artista Diego Lago na entrada do Auditorio

O Concello de Nigrán estrea un gran mural en toda a entrada ao Auditorio Municipal realizado polo artista multidisciplinar Diego Lago, quen traballou durante 3 intensas semanas neste proxecto encargado desde a Concellería de Cultura para imprimir singularidade e cercanía neste espazo público. Así, os preto de 40 metros de parede conforman un auténtico lenzo onde se representa boa parte das artes escénicas mediante seis sorprendentes pinturas hiper-realistas.

Deste xeito, o público que se achegue ao Auditorio Municipal para calquera evento será benvido con este mural no que se retrata con absoluta pericia a un mimo, a unha bailarina de danza clásica, unha violinista, un cantante contemporáneo, un gaiteiro e Charles Chaplin rodando.