
O Consello da Xunta vén de ratificar hoxe o Decreto que fixa o calendario laboral para 2021, tras levarse previamente ao Consello Galego de Relacións Laborais. Agora, terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG). A Comunidade Autónoma galega terá como festivos propios o próximo ano os días de San Xosé (19 de marzo) e das Letras Galegas (17 de maio).
A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (2 de abril en 2021), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2021 hai un festivo nacional que coincide en domingo: o día da Asunción da Virxe (15 de agosto), que se substitúe polo día das Letras Galegas (17 de maio).
Ademais, outros tres festivos de carácter nacional poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2021 se celebrará o 1 de abril), que Galicia non cambia tradicionalmente; e dáselle a opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo, pero ao coincidir en 2021 en domingo (Ano Xacobeo), Galicia opta polo día de San Xosé (19 de marzo).
Unha vez aprobados os festivos de carácter autonómico, cada concello galego terá que determinar dous días festivos máis para a súa localidade. Para iso, será necesaria a súa aprobación polos plenos das administracións locais.
Calendario laboral de Galicia para o ano 2021
FESTIVIDADE | DATA | DÍA DA SEMANA |
Aninovo | 1 de xaneiro | Venres |
Epifanía do Señor (Día de Reis) | 6 de xaneiro | Mércores |
San Xosé | 19 de marzo | Venres |
Xoves Santo | 1 de abril | Xoves |
Venres Santo | 2 de abril | Venres |
Festa do Traballo | 1 de maio | Sábado |
Día das Letras Galegas | 17 de maio | Luns |
Festa Nacional de España | 12 de outubro | Martes |
Día de Todos os Santos | 1 de novembro | Luns |
Día da Constitución Española | 6 de decembro | Luns |
Inmaculada Concepción | 8 de decembro | Mércores |
Nadal | 25 de decembro | Sábado |