Sin categoría

Os sindicatos do Concello de Baiona rexeitan a privatización do servizo de recollida de lixo

As organizacións sindicais con representación no Concello de Baiona queren amosar a súa preocupación polas novas aparecidas recentemente, onde se abre a posibilidade de privatizar os servizos de recollida de lixo e limpeza viaria, e expresan o seu rexeitamento a que se leve a cabo esta privatización, e o seu apoio sen fisuras aos servizos públicos.

Así mesmo queren deixar claro que se a situación na que se atopan estes servizos na actualidade non é axeitada é pola xestión deste e de anteriores gobernos, con falta de investimento, recortes de persoal e decisións que non foron as correctas, como foi a adquisición do camión e dos contedores de carga lateral, que non só non mellorou o servizo, senón que provocou a duplicidade de rutas, ademais da consabida incomodidade para os veciños.

Sinalan así mesmo que a maioría das imaxes de sucidade que escandalizan aos veciños nas redes sociais se corresponden con depósitos que deben ser recollidos precisamente por unha empresa privada, e non polo servizo público.

Por último solicitan que no canto de pensar en privatizar, se fagan os cambios organizativos e investimentos que sexan necesarios para o correcto funcionamento do servizo.