Dende o Bloque Nacionalista Galego en Baiona consideran que, non saben si de xeito interesado, se está levando o debate do funcionamento da recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria por un camiño errado. “Entendemos que a política dos derradeiros anos amosou a fórmula utilizada polo neoliberalismo, entre outras, para desmantelar os servizos públicos creando Leis que impiden a contratación de persoal para que estes non funcionen e ter a escusa de privatizalos. Nos derradeiros anos sufrimos todo tipo de recortes na sanidade, en educación e nos concellos coa chamada Lei Montoro. Esta lesiva Lei, promulgada polo goberno do Partido Popular no Estado e apoiada polo goberno municipal do Partido Popular en Baiona, é un grave escollo para poder manter os servizos públicos municipalizados”.
O Bloque Nacionalista Galego considera que aquí é onde radica o verdadeiro debate e o cambio político que se debe dar para fortalecer, apostar e garantir que os servizos públicos sexan o garante da equidade e xustiza social. Carlos de la Peña, voceiro do Grupo Municipal NÓS-Baiona e membro do goberno, asegurou en declaracións á prensa que “unha vez que se poñan as dúas opcións posibles sobre a mesa xerarase un intenso debate”. E adiantou que “chegado o momento aceptarán as achegas dos cinco grupos da Corporación ao entender que “se trata dunha problemática que afecta a todos”.
“Concordamos que unha vez que se poñan as opcións haberá un intenso debate e agradecemos que chegado o momento se acepten achegas do Bloque Nacionalista Galego, non como no derradeiro pleno da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, onde as nosas propostas ao Protocolo para a prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo non foron admitidas polo propio señor De la Peña, que foi o encargado da súa redacción”, sinalan os nacionalistas.
De la Peña tamén afirma que “Temos que facer un cálculo de canto nos custaría actualizar o servizo aínda que para iso sería necesario facer investimentos constantes, mentres que a outra vía vincúlase a unha externacionalización total baixo a fórmula das concesións por anos determinados”. “Aparte de considerar que estas afirmacións, de ser certas, deberan ser da Concelleira de Medio Ambiente, a señora Rosa Domínguez Roda ou polo propio señor Alcalde, estaremos encantados de analizar en profundidade eses cálculos, cando se fagan, para, como se di na publicación, ter un intenso debate porque o Bloque Nacionalista Galego de Baiona está sempre disposto a debater do que sexa”, conclúen.

