De todos os investimentos realizados nestes 15 meses en Baiona, só dous son iniciativas propias do tripartito

O actual goberno de Baiona conformado por PSdeG, Bng e Nós só executou ata o de agora dúas obras propias na localidade por valor de 50.000 euros a pesar de levar máis de 15 meses no cargo. Concretamente, a remodelación mediante o cambio das madeiras das dúas pasarelas situadas no carril bici da contorna da praia da Ladeira. O resto de proxectos que o tripartito xa finalizou, ten en execución ou están pendentes de iniciarse este 2020 foron herdados do equipo anterior do Partido Popular e alcanzan os dous millóns de euros, todos eles coa súa correspondente partida asignada.

Entre eles cabe destacar a reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís por valor de 629.200 euros a cargo do Plan Concellos 2018-2019 que está a piques de rematar; a mellora da mobilidade na Avda. de Sabarís por 341.319 euros, o acondicionamento do acceso á igrexa de Belesar por 168.995 euros ou a humanización do camiño Eidos en Baíña por 128.368 euros que comezará proximamente. Con todo, o tripartito ten “bloqueados” outros que cambiarían a imaxe do rural como a renovación da iluminación en varias parroquias por 60.000 euros, a rehabilitación das “vivendas dos mestres” para aluguer social por 134.321 euros, a mellora do paseo fluvial de Baredo valorada en 167.319 euros ou a accesibilidade do edificio do Concello. Froito do traballo do anterior goberno do PP é tamén a adquisición do vehículo eléctrico que actualmente utiliza a Policía Local e valorado en 37.793 euros.

Para este grupo municipal popular esta é outra mostra máis da “falta de interese” do alcalde, Carlos Gómez, e dos seus socios por mellorar a calidade de vida dos seus veciños a través da modernización das infraestruturas públicas ou a construción doutras novas que faciliten a vida aos cidadáns. “Un goberno local eficiente traballa para conseguir recursos para o seu municipio, o de Baiona pérdeos reiteradamente e non lle importa o máis mínimo”, opinan os populares en alusión, por exemplo, á reforma da Praza de Victoria Cadaval de Sabarís que non poderá executarse porque a “inacción” do executivo local provocou a perda do millón de euros concedido pola Xunta para este fin. Precisamente para esta parroquia tamén rexeitaron unha subvención xa concedida de 75.000 euros para crear unha zona lecer-deportiva na Ladeira. E, non suficiente con iso, privaron aos baioneses de obradoiros e programas de emprego pola “nefasta xestión” do tripartito ao non molestarse en realizar a tramitación.

Desde o PP baionés tachan ao Alcalde e aos seus socios de “fraude” para os seus votantes e de “ruína” económica para todos os veciños. “Un rexedor non pode permitirse perder o tempo en conflitos internos ou en defender unhas siglas, debe de investilo en ter iniciativa, traballar, coordinar e saír do despacho para reunirse con outras administracións ante as que defender os intereses do seu municipio por encima do seu partido”, en alusión ao Sr. Gómez do que din “acomodouse na súa cadeira de brazos sen importarlle o que pase fóra do Concello”.