Baiona vístese de gala para entregar os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda

O Monte Real Club de Yates acolleu esta noite en Baiona a gala dos Premios Nacionais de Vela, uns galardóns que o histórico club entrega desde hai 28 anos aos deportistas e equipos máis destacados do panorama náutico español.

O evento comezou, como marca a tradición, co discurso de benvida do presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, quen destacou a importancia do acto para o impulso da vela. “Queremos e necesitamos seguir apostando polo deporte e pola vela, polos beneficios e alegrías que a todos nos achega, non só aos que compiten, senón aos que traballan e gozan del, especialmente neste ano que nos tocou vivir”, asegurou. “Trátase -continuou- de destacar o traballo de regatistas e equipos que son un exemplo de esforzo e superación para todos”.

Sucedeulle ao micrófono o presidente de Bodegas Terras Gauda, patrocinador do evento. “É unha honra para un galego e home de mar como eu vir entregar estes premios” dixo José María Fonseca Moretón, quen asegurou que “é imposible premiar a todos os mellores, xa que moitos máis o merecerían, pero desde logo os que están aquí meréceno sen ningunha dúbida”.

Tras os discursos de benvida, iniciouse a entrega de galardóns. O comandante director da Escola Naval Militar, Ignacio Cuartero, foi o encargado de entregar o primeiro premio a Armando Gutiérrez, presidente da clase J80, que o recolleu en nome do cántabro Pablo Santurde, premio nacional de vela ao patrón do ano.

A tripulación do Tanit IV Medilevel, representada sobre o escenario polo seu patrón Nacho Campos, recibiu o premio ao barco do ano de mans do alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e o deputado de deportes de Pontevedra, Gorka Gómez.

A gala continuou co premio Mariano Augado de Comunicación, que Pilar de Sas entregou ao fotógrafo mallorquino Nico Martínez, pola súa contribución á difusión e promoción do deporte náutico a través das súas fotografías. Foi a primeira vez nos 28 anos de historia dos prestixiosos galardóns que este premio recae nun fotógrafo.

O seguinte premio en ser entregado recibiuno o ourensán Luis Pérez Canal, patrón do Abril Verde, recoñecido como mellor monotipo do ano polo seu título de campión europeo Corinthian. Entregoullo o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa.

O director comercial de ABANCA, Gabriel González, fixo o propio con Fernando Rodríguez, que recolleu o premio que o distingue a el e Conrad Konitzer como mellor equipo xuvenil do ano.

O último dos seis premios deste ano recollérono Jordi Xammar e Nico Rodríguez de mans do presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez; e o presidente de Bodegas Terras Gauda, José María Fonseca Moretón. Levaron o galardón que os recoñece como equipo olímpico do ano pola súa destacada actuación en 2019, cando lograron ser campións do mundo e de Europa na clase 470.

A 28º gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda enmarcouse un ano máis na celebración do Trofeo Príncipe de Asturias, que tras dous días de regatas, conclúe mañá domingo nas Rías Baixas coas últimas probas e a entrega de premios aos gañadores.