Os participantes do proxecto “Vincúlate” visitan a protectora “Os Palleiros”

O grupo de persoas participantes no proxecto Vincúlate, acompañados pola responsable do proxecto no Concello de Baiona e pola responsable de ADA intervencións, tivo a oportunidade de visitar a protectora “Os Palleiros”, de onde veñen os cans cos que traballan todas as semanas dende hai tres meses. Na visita, os rapaces e rapazas percorreron as instalacións acompañados pola presidenta da protectora e parte do persoal voluntario, que lles explicaron o funcionamento da mesma.

Así mesmo, os baioneses e baionesas aproveitaron a ocasión para facer unha demostración das cousas que traballan cos cans no proxecto do Concello. A experiencia está resultando moi enriquecedora tanto para os participantes no proxecto como para as distintas persoas que, dalgunha maneira, colaboran ou participan no mesmo.

O alcalde, Carlos Gómez, resalta que “o obxectivo desta visita era cumprir cunha demanda feita polos propios rapaces, moi implicados no proxecto, que querían coñecer máis a fondo o día a día dos seus compañeiros de catro patas así como tamén aproveitar a visita para continuar traballando tanto nas habilidades sociais como na xestión emocional, xa que o enfrontarse a esta realidade do abandono animal é unha boa oportunidade para afondar nos sentimentos e traballar sobre a súa xestión”.

Carlos Gómez explica que “a idea é que os participantes neste proxecto teñan a oportunidade de coñecer diferentes realidades de ocio e laborais que lles poidan axudar á hora de encamiñar a súa vida adulta así como tamén que se enfronten a situacións novidosas que lles xeren inquedanzas e os motiven”.