
Despois de asistir preocupados ao “descontrol total” nas praias, nalgúns sitios de lecer, nalgún evento popular non cancelado, e de comprobar durante moitos días contedores desbordados, rúas e camiños sen limpar, parques sen desinfectar, a invasión das caravanas, as verteduras en praias e ríos, o Partido Popular de Nigrán reclama ao alcalde que ha de corrixir definitivamente esta infinidade de problemas “que esperemos non permanezan na memoria dos nosos visitantes”.
Segundo afirman os populares, durante este verán recibíronse innumerables queixas respecto a todos estes temas, especialmente no que se refire á limpeza de rúas e camiños, e á recollida de lixo tanto a selectiva como a orgánica. “Non fai falta fixarse moito para poder comprobar case en calquera sitio de Nigrán esta situación, agravada sen dúbida polo aumento poboacional que se produce cada verán en Nigrán, momento no que a poboación se triplica pero os servizos do Concello non van a par deste aumento poboacional”.
Desde o PP lembran que advertiron ao alcalde, en varias ocasións, de que tomase medidas para atallar cada un deses problemas, ao que afirman que sempre se lles contestou algo así como “estamos en iso”, ou sexa que, “nin caso”. “Esperamos que despois do aluvión de queixas, sobre todo en RRSSS, que recibiu, tome conciencia e póñase ao choio para resolvelo. Parece que o equipo de goberno estivo máis centrado nos actos festivos do verán, no canto de prestar atención aos servizos esenciais á cidadanía, como é a seguridade sanitaria, a limpeza ou a recollida de residuos, algo básico”.
“E que fixo o Sr. González? Encomendou a seguridade sanitaria á conciencia cidadá, no canto de tomar medidas máis rigorosas. Non reforzou a limpeza de rúas e camiños e non hai veciño que non se queixe diso. Tampouco reforzou a recollida de residuos, algunhas zonas de recollida, en pleno centro urbano, daban verdadeiro noxo, sobre todo as fins de semana, chegando ao luns con contedores de todo tipo desbordados e o lixo polo chan. A pesar da obrigación legal de desinfectar os parques infantís diariamente, en Nigrán esta obrigación parece que non existe, de feito, non atopamos nin unha soa proba desa desinfección en ningún dos parques infantís de Nigrán desde o inicio da pandemia”, sinalan os populares.
Finalmente aseguran que a sorte e o baixo índice de contaxios da zona “é o que nos permitiu pasar un verán sen graves consecuencias a pesar da pasividade do noso goberno local”. O correcto segundo o PP, sería dedicar tempo e recursos a estes problemas, mellorando a seguridade sanitaria, ampliando persoal de roza, negociando coa concesionaria de lixo e limpeza viaria. “En resumo, planificar e executar múltiples opcións a curto/medio prazo para resolvelos definitivamente, ou sexa, xestionar, un verbo esquecido polo Sr. González”.