O “Verán Deportivo” encherá de deporte a praia de Panxón

O deputado de deportes, Gorka Gómez, participou no acto de presentación do “Verán Deportivo”, programa que conta por segunda vez co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa, que tal e como remarcou o deputado ten por obxectivos espallar o deporte entre a cidadanía na época estival, arranca este sábado, 9 de xullo, no concello de Sanxenxo, continuará por Nigrán e Vigo e rematará, o 14 de agosto en Poio, enchendo os areais das Rías Baixas, “as mellores rías do mundo” de futevolei, volei praia e tenis praia. “Será un éxito”, asegurou Gorka Gómez acompañado de representantes dos gobernos locais nos que se desenvolve esta iniciativa á que cualificaron como “fundamental” para promover hábitos saudables, sobre todo tras a complexa situación sanitaria vivida nos últimos dous anos.