A xuíza declara que o pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia Franco a súa devolución

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou integramente a demanda interposta polo Estado e declárao propietario do Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma ter incorrido para o mantemento da propiedade. No procedemento, a Xunta de Galicia, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación Provincial defenderon tamén a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constan seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

A maxistrada Marta Canales declara na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 do “predio denominado Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma”. En relación a este fundamento, aclara a xuíza que, o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese unha Xunta Pro Pazo “do Caudillo” para comprar e regalar o Pazo de Meirás “ao Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional”. “O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle regala a el por si mesmo, senón ao xefe do Estado. As alegacións dos demandados en relación á intención das vendedoras, que querían que o pazo se regalase a Franco a título persoal, non se comparten”, di a sentenza, onde se conclúe que a literalidade dos documentos sobre a compra do pazo e posterior doazón “non arroxa dúbidas”, pois todos se refiren “ao caudillo”.

No fundamento de dereito terceiro da resolución, a xuíza conclúe que a compravenda do 24 de maio de 1941 foi unha “simulación”, o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición do predio no Rexistro da Propiedade.

En relación a este extremo, afirma a maxistrada que non se acepta a argumentación dos demandados sobre a compra que realiza Franco coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de “ficción” levada a cabo “só co obxecto de poñer o ben ao seu nome”. “Ningunha operación subxace entre as partes que se disimule para os efectos que defenden os demandados. O Pazo de Meirás entregouse á Xunta Pro Pazo do Caudillo na primavera de 1938, comprado en escritura pública pola Xunta o 5 de agosto de 1938 e o Xunta Pro Pazo fixo entrega formal ao caudillo o 5 de decembro de 1938. O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista [Manuela Esteban Collantes e Sandoval] xa renunciara ao seu dereito. Franco nada compra”, sublíñase na resolución.

No que respecta á liquidación do estado posesorio (restitución dos gastos nos que podería ter incorrido a familia mentres foi titular do inmoble), a maxistrada entende que non cabe, ao ser a propiedade incorporada ao patrimonio da familia Franco “de mala fe”. Esa mala fe materialízase “cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe de Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún”. Lembra ademais a xuíza que o Estado asumiu todo os gastos da residencia estival que foi xestionada e administrada como residencia oficial do xefe do Estado, polo que afirma que “o Pazo de Meirás xestionábase de forma idéntica ao Palacio de El Pardo”.

Ao entender que a propiedade do pazo corresponde ao Estado, a xuíza declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron co inmoble, así como a doazón dos predios que se recolle nunha escritura de novembro de 1982. A sentenza non é firme, xa que contra a mesma cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Sobre o momento no que se presenta a demanda, que os letrados da familia Franco consideraron atraso desleal, entende a maxistrada que “a posibilidade de articular a demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático” e destaca que o Estado “nunca renunciou aos seus dereitos”.

Na sentenza conclúese que “a parte actora demostrou a nulidade do título de compravenda esgrimido polos demandados e acreditou de forma contundente a posesión pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de dono ao seu favor, coas consecuencias de que a totalidade do predio debería inscribirse no Rexistro da Propiedade a favor da demandante e as inscricións contraditorias existentes a favor dos demandados haberían de cancelarse”, o que a xuíza acorda.

Partes da sentenza

Ao longo da fundamentación xurídica, a maxistrada Marta Canales Gantes aborda no fundamento de dereito primeiro o contexto histórico, coa finalidade de determinar os feitos probados, analizando os seguintes epígrafes:

1.1. As Torres de Meirás antes de 1938. Propiedade.
1.2. Autoproclamación do xefe do Estado.
1.3. Elección do Pazo de Meirás. O Xunta Pro Pazo do Caudillo. Compravenda do 5 de agosto de 1938.
1.4. Obtención de fondos. Subscrición popular. Circulares desde o Goberno Civil. Achegas das Corporacións Locais.
1.5. Obras de remodelación desde mediados de 1938 ata 1941.
1.6. Acto de entrega oficial. Doazón. 5 de decembro de 1938.
1.7. Compravenda de 1941.
1.8. Predio actual.
1.9. Residencia oficial. Casa Civil. Xestión tipo El Pardo. 1938 a 1975.
1.10. Comandancia de Obras e Fortificacións.
1.11. Outras oficinas e Administracións.
1.12. Vixilancia do pazo e gardas horteláns.
1.13. O IBI e as pólizas de seguro.
1.14. Morte de Franco 1975. O incendio. 1978.
1.15. Movementos civís e políticos.

No fundamento de dereito segundo analízase a compravenda do 5 de agosto de 1938, a doazón da Xunta Pro Pazo do Caudillo e a intención da mesma, concluíndo que a doazón foi realizada ao xefe do Estado.

No fundamento de dereito terceiro abórdase a compravenda do 24 de maio de 1941 e a existencia de simulación, o que determina a súa nulidade.

No fundamento de dereito cuarto trátase a prescrición adquisitiva extraordinaria a favor do Estado, a viabilidade da acción reivindicatoria, a afectación a un servizo público, a inexistencia de desafectación e a liquidación do estado posesorio, denegando o mesmo.

E no fundamento de dereito quinto, os actos propios e atraso desleal.