O CB Nigrán comeza con moitas ganas unha nova tempada despois de ter que interromper a anterior no pasado mes de marzo e faio cumprindo con todas as medidas hixiénico sanitarias antiCOVID plasmadas nun documento que levan xa semanas elaborando. Este protocolo, que cumpre as indicacións dadas pola Xunta, recolle tanto aspectos xerais de volta á actividade como as medidas concretas de actuación para o desenvolvemento dos diferentes adestramentos (grupos reducidos, máscaras, distancia de seguridade, desinfección de material, xeles na recepción e despedida dos nenos e nenas, adestramentos sen contacto físico etc).
O Club tivo que realizar un investimento extra para facerse con todo o material ANTI COVID e poder cumprir así con todas as medidas hixiénico sanitarias, tanto no que se refire a adestradores e xogadores como ao material e as instalacións deportivas utilizadas. A Directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 120 fichas federativas xa confirmadas para esta nova tempada e que se distribúen a través das diferentes categorías, que abarcan desde a categoría baby ata a sénior, conformando un total de 10 equipos.
Esta tempada contará tamén con novos adestradores e adestradoras cos que xa se están realizando reunións de traballo coordinados por Nuria Gómez, Directora Deportiva do club, para planificar os diferentes adestramentos de acordo ás novas circunstancias que obrigan a modificar parte da metodoloxía de traballo. Estes adestramentos comezarán de forma graduada. Os primeiros en iniciar a actividade serán a categorías infantil, cadete, júnior e sénior, que comezarán a segunda semana de setembro, e unha semana despois farao todo o minibasket, unha vez que se iniciou o curso escolar co fin de facelo de forma coordinada cos centros educativos.
Desde o club recalcan a importancia de ter paciencia na adaptación a este novo escenario e de ser conscientes desta nova realidade, pero tamén cren que hai que achegar en positivo, podendo realizar a actividade deportiva coa maior normalidade. Desde a Entidade Deportiva séntense con moita forza para iso, apoiados polas familias, que están a demostrar e transmitindo as ganas de que os seus fillos e fillas volvan pisar a cancha, compartindo pista cos seus compañeiros e gozando, tanto a nivel deportivo, como a nivel emocional, un aspecto fundamental para estas idades de formación, e que non debemos esquecer despois do confinamento ao que se viron obrigados. Volver compartir pista, poder convivir, charlar, interaccionar, competir buscando o afán de superación, esforzarse para mellorar cada día individual e colectivamente, son aspectos fundamentais que van axudar moito aos nenos e nenas a superar os momento complicados que, en maior ou menor medida, tiveron que vivir.

