A Casa dos Mestres de Balinfra en Camos acolle a recta final do obradoiro “Crea e Coida Miñor”

A Casa dos Mestres de Balinfra en Camos, cedida dende 2017 ao Colexio Juan María como vivenda de apoio, acolle ao alumnado da especialidade de atención socio-sanitaria do Obradoiro de Emprego “Crea e Coida Miñor”.

“A formación das persoas desempregadas é un obxectivo primordial deste goberno e máis aínda nunha especialidade tan demandada e social ocupando por dúas semanas unha antiga vivenda abandonada e que agora é un referente na rehabilitación de bens públicos para fins sociais”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.

O Obradoiro de emprego “Crea e Coida Miñor” formado polas especialidades de “Atención socio sanitaria a persoas en domicilios e a persoas dependentes en institucións sociais” e “Deseño de produtos gráficos”, pretende cubrir un aspecto clave da actividade do Val Miñor, por un lado atender a un colectivo, cada vez máis numeroso, de persoas dependentes tanto en institucións como en domicilios, e por outro, aspectos transversais que afectan como a especialidade de creación e el deseño gráfico.

Para elo os tres concellos, Baiona, Gondomar e Nigrán, puxeron en marcha o Obradoiro de Emprego “Crea e Coida Miñor”, que comezou o pasado 18 de novembro de 2019 e rematará o próximo 23 de novembro de 2020.

Trátase dun proxecto integrador baseado nas necesidades da comarca nun aspecto moi demandado na área de atención e coidado a persoas dependentes, reforzando o coidado sobre todo de persoas maiores e, ao mesmo tempo, formando a profesionais nun momento de pandemia derivada do coronavirus, e pola que os profesionais, considerados persoal traballador esencial, están moi demandados e deben ser profesionais formados e capacitados para dar resposta ás demandas actuais no sector.

A especialidade “Atención socio sanitaria a persoas en domicilios e a persoas dependentes en institucións sociais” está formada por 9 mulleres e 1 home e está desenvolvendo a recta final da súa formación teórico-práctica na Casa dos Mestres en Balinfra en Camos, ofrecendo estas dependencias un marco incomparable para achegar a súa actividade formativa, á simulación da realidade laboral que se van a encontrar, tanto en domicilios como en institucións.

O Concello de Nigrán investiu 27.459 euros na rehabilitación da vivenda dotada de total accesibilidade, mellora das condiciones térmicas, renovación da instalación eléctrica e de fontanería. Así, esta casa desocupada durante décadas serve para que os usuarios do Centro Juan María poidan desfrutar de programas de respiro familiar ou de preparación para unha vida independente.

“A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa e que sirva como aprendizaxe para que as persoas con diversidade funcional poidan prepararse para a vida independente e agora para que o alumnado do Obradoiro de Emprego “Crea e Coida o Miñor” poidan facer as súas prácticas”, explica o Alcalde de Nigrán, Juan González.

Os módulos formativos relacionados con ambos certificados de profesionalidade, que van a poñer en práctica nestas dependencias para a simulación real en domicilios e institución son: hixiene e atención sanitaria domiciliaria, atención e apoio psico-social domiciliario, apoio domiciliario e alimentación familiar, apoio na organización de intervencións no ámbito institucional, intervención na atención hixiénico-alimentaria en institucións, intervención na atención socio-sanitaria e apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa en institucións.

“Dende o Concello de Nigrán agradecemos ao Centro Juan María que permita optimizar o uso da súa vivenda e cedela durante estas semanas par desenvolver as prácticas do Obradoiro de Emprego”, conclúe Juan González.