Sin categoría

Veciños da Sequiña en Mañufe reclaman o arranxo dun camiño con perigo de derrubamento

Esta fin de semana, e a petición duns veciños da parroquia de Mañufe, Paula Bouzós voceira do PP de Gondomar, fixo unha visita a un camiño no lugar de A Sequiña que está a piques de derrubarse, e que impide o tránsito de vehículos mais grandes a un coche. O camiño comeza na estrada provincial PO-2305 xusto enfronte do antigo colexio de Sequiña e discorre polos barrios de Barco e San Andrés.

Os veciños do barrio presentaron o pasado 16 de maio do ano pasado un escrito asinado por trinta veciños, no que comunicaban que o camiño estaba a piques de derrubarse e pedían que se continuara o muro xa feito polo concello anos atrás, dos que quedaban uns 20 metros por facer, asegurando tamén que os terreos necesarios serían cedidos sen problema polo seu propietario.

“O condutor da ambulancia xa nos dixo que nestas circunstancias non vai poder pasar polo camiño para atender as demandas dos veciños”, se queixaban os veciños presentes.

No pleno de setembro do ano pasado, e ante unha pregunta sobre este camiño, o alcalde contestou que xa estaban co tema e que o miraban ben. Un ano despois e os veciños seguen sen saber nada ao respecto.

Os veciños denuncian que nos primeiros vinte metros existe un perigo serio de derrubamento, a máis de que é moi estreito e non pasan vehículos anchos, como pode ser unha ambulancia. Por iso solicitan do concello que se faga un muro pola parte de abaixo, así como unha balaustrada que impida que calquera veciño ou vehículo poida caer.

Na visita que fixo a voceira do PP gondomareño puido comprobar como a estrada estase desprazando cara a parte baixa, así como comezan a caer pedras do muro que hai pola parte superior. Ademais agarda que o goberno municipal acceda á solicitude dos veciños de Mañufe e fagan estas necesarias obras.

Recorda Paula Bouzós que “unha vez mais nos atopamos coas palabras valeiras do Sr. Alcalde, que afirmou xa nun pleno que estaban co tema e ao fin non fan nada”.