Francisco Castro Veloso gaña o I Premio Xornalístico Enrique Guerrero Serrano

Francisco Castro Veloso resultou gañador do I Premio Xornalístico Enrique Guerrero Serrano, convocado pola Asociación Cultural Espazo Aberto do Val Miñor. O fallo do xurado fíxose público este venres nun acto celebrado no Casino de Sabarís. O seu traballo titulado “A lei do mar” recibiu o recoñecemento unánime do xurado, composto por María Xosé Porteiro, María Luisa Abad, Nones Araújo e María Jesús Argibay.

O tema principal deste primeiro certame xornalístico, galardoado con 2.000 € de premio, versou sobre o mar e as súas xentes. Presentáronse un total de 12 relatos, nun accidentado prazo que se tivo que ampliar en dúas ocasións por mor da corentena imposta pola situación sanitaria do país provocada pola Covid-19.

Francisco Castro Veloso (Vigo 1966), licenciado en Filosofía e escritor, entrou en Editorial Galaxia no ano 2008 como editor, responsable das estratexias de comunicación e creación de novos proxectos. Nunha primeira etapa desenvolveu a súa actividade na empresa Merlín Comunicación, encargada de exposicións e actividades culturais dentro do grupo Galaxia, para centrarse posteriormente na edición para o lectorado máis novo. En 2016 foi nomeado novo director xeral da editora, sucedendo neste posto a Víctor Fernández Freixanes.

Francisco Castro é licenciado en Filosofía e autor dunha ampla obra literaria con títulos tan coñecidos como “Spam”, “O segredo de Marco Polo”, “Tes ata as 10”, ou “Amor é unha palabra como outra calquera”. Entre outros recoñecementos recibiu o Premio Lueiro Rey (1997), o Premio Modesto Figueiredo de narracións breves (2005), o Premio Blanco Amor (2006), o Premio Manuel García Barros (2007), o Premio Frai Martín Sarmiento en cinco ocasións, o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia en 2013, e foi nomeado na lista de Honra do IBBY en 2012 pola súa obra Chamádeme Simbad.

O premio lembra a Enrique Guerrero Serrano (1943 Espejo-Córdoba, 2013 Nigrán), andaluz emigrante en Suíza, Portugal e en Madrid, onde destaca como empresario e activista democrático. Nos anos 80 asentouse no Val Miñor centrando a súa actividade na promoción e construción inmobiliaria, onde chegou a funcionar a nivel internacional (Panamá ou Qatar).

I PREMIO XORNALÍSTICO ENRIQUE GUERRERO SERRANO (1)