Os colexios do Val Miñor quedan sen actividades extraescolares e aulas matinais

Voltereta e Volvoreta no CEIP Serra-Vincios.

Reunida o pasado 25 de agosto a asemblea da Federación de ANPAs do Val Miñor (FAVALMI), acordou por maioría abandonar a xestión durante o curso 2020/2021 das actividades extraescolares e aulas madruga que están a levar a cabo si a Xunta de Galicia non modifica o protocolo COVID “e exime ás ANPAs da responsabilidade que debe asumir a Administración Pública”.

As directivas das ANPAs de Gondomar, Nigrán e Baiona coinciden en valorar esta decisión como moi difícil sendo conscientes das necesidades de conciliación das familias e da formación complementaria que precisa o alumnado.

Trátase de actividades que veñen xestionando con carácter totalmente voluntario, sen colaboración algunha da Xunta de Galicia, e asumindo históricamente toda a respondabilidade da súa organización e xestión.

O protocolo COVID da Xunta de Galicia afonda diante da crise sanitaria na súa política de non colaboración e o total deslexo das medidas de conciliación das familias. O texto, no punto 12.1, esixe das ANPAs a elaboración dun protocolo para as actividades extraescolares, pedindo ademáis que se determine con claridade as responsabilidades das persoas organizadoras ou xestoras.

“O Sr. Feijóo e o Goberno Central, están a deixar o protocolo fronte o COVID nas mans das Asociacións de Nais e Pais que sen coñecemento algún, deben proceder á elaboración dun protocolo do que teñen que facerse responsables”, lamenta Matilde Sanromán, presidenta de FAVALMI.

Analizado o texto, a Confederación de ANPAs Galegas advirte de que despréndese a responsabilidade das organizadoras diante de posibles fallos ou incumprimentos do protocolo, tendo o risco de ter que responder no caso de prosperar alguna demanda cos bens persoais das persoas que presidan a asociación, “responsabilidade completamente inconcebible”.

A asemblea de FAVALMI decidiu por maioría suspender as actividades extraescolares e aulas matinais namentres a Xunta de Galicia non asuma a responsabilidade que lle corresponde elaborando un protocolo específico, fornecendo aos centros dos medios necesarios e eximindo ás ANPAs da respondabilidade da súa elaboración e cumprimento.

Coa finalidade de visibilizar o desacordo coa xestión da Xunta de Galicia e do Goberno Central, as ANPAs da comarca convocan a toda a comunidade educativa, o vindeiro día 8 de setembro, ás 19:00 horas na Ramallosa, apoiando tamén a FOANPAS e outras federacións da comarca levando a cabo concentracións de rexeitamento ao protocolo COVID da Xunta de Galicia para os centros de ensino.

Na xuntanza tamén se falou da xestión de comedores e os reforzos de limpeza nos centros educativos, que están sendo abordados nos concellos da comarca de diferentes xeitos, uns máis previsores ca outros, como no caso de Baiona, que xa ten en conta un orzamento extraordinario de cen mil euros para reforzar as labores de limpeza e desinfección.