Manifesto Miñor leva a pleno a situación do Centro de Saúde de Gondomar

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor no Concello de Gondomar vén de presentar unha moción ao pleno de setembro sobre a situación do Centro de Saúde do municipio. Segundo indica Antonio Araújo, o malestar dos usuarios e mesmo do persoal do centro é evidente.

“Durante o verán, a Consellería de Sanidade por aforrar en contratacións (outro capítulo aparte son as contratacións en precario do persoal de todo tipo) non substituíu co rigor necesario o persoal médico, o de enfermería ou o persoal administrativo. Dun total de 6 médicos e 6 enfermeiros, durante moitos días no verán só estiveron traballando 2 médicos de mañá e ídem co persoal de enfermería e de administración”, denuncia Araújo.

Para Manifesto Miñor, o resultado desta situación ademais das demoras, cambios nas consultas, liñas telefónicas colapsadas, aumento da atención telefónica en detrimento da presencial, problemas coas receitas nas farmacias tendo que mercar os propios pacientes aqueles medicamentos que era posible mercar sen receita, etc, etc, todo isto, ademais de poñer ao persoal do Centro de Saúde ao límite do humanamente soportable, levou a que a Consellería de Sanidade, antes que resolver os devanditos problemas, a partires do luns 31 de agosto, decidira pechar as consultas de tarde.

A moción propón ao Pleno da Corporación Municipal esixir do Goberno Galego e da Consellería de Sanidade, que coa máxima urxencia, proceda a completar o cadro de persoal necesario para o Centro de Saúde de Gondomar, toda vez que estamos a falar dun centro que ten que atender a unha poboación de case 15 mil habitantes. sen contar os desprazos que aumentan xustamente no verán, e demandar da devandita Consellería a erradicación definitiva da precariedade nos contratos ao persoal sanitario e non sanitario, facéndolle contratos dignos e estables.

Así mesmo, esixir da Consellería de Sanidade a reapertura inmediata das consultas de tarde, polo seu interese para centos de veciños, e previa reposición do persoal necesario pra mantelas funcionando en condicións, e finalmente, transmitir o apoio e o alento da Corporación Municipal a todo o persoal do Centro de Saúde de Gondomar, sen cuxo traballo, profesionalidade e entrega, a situación derivada da Pandemia do COVID-19 en Gondomar sería moito peor.