Sin categoría

Baiona recoñece a Pedro Novalbos coa entrega dun “Lazo de Honra”

O Concello de Baiona homenaxeou este venres a Pedro Novalbos coa entrega dun “Lazo de Honra”, acordado por unanimidade pola Comisión de Honras e Distincións. Esta distinción recoñece o traballo das persoas, asociación ou entidades “que realicen unha labor relevante no campo das artes e das letras, das ciencias, do social e das humanidades sempre que nas súas obras se diten ou exalten aspectos que afecten ao concello de Baiona”.

Os xardíns da Casa Museo da Navegación acolleron un acto no que tamén estiveron presentes familiares e amigos do homenaxeado, así como o alcalde, Carlos Gómez, e os concelleiros Óscar Martínez, Miriam Costas, Ángel Rodal, Carlos de la Peña, Yasmina Moreira e Rosa Piñeiro.

Pedro Novalbos naceu en Barcelona en 1958, miñorán de adopción, onde dende a década dos 80 ten a súa segunda residencia. Sempre estivo vencellado ao mar, tanto polo seu traballo no sector industrial naval como no seu tempo de ocio: a pesca e o mergullo foron as actividades nas que atopou maior satisfacción e que lle proporcionaron coñecementos detallados da súa costa e do seu mar.

En 1986 mergullando na costa de Silleiro, localiza unhas pezas de artillería e sería este achado o que vai a orientar parte de súa actividade durante os seguintes 30 años. Enseguida é consciente do valor patrimonial desas pezas antigas e comeza a organizar a súa extracción. Consegue extraer un par de canóns de bronce e tres cargadores ou alcuzas. Estas pezas pasaron do fondo oceánico ao fondo dun almacén do Museo de Pontevedra.

Este importante achado prodúcese nun momento moi anterior á primeira lei de patrimonio cultural de Galicia, de 1995. Pedro tiña claro que estas pezas merecían ser conservadas amosadas nunha exposición dun museo e máis concretamente en Baiona, por ser o lugar onde apareceran e comezou un periplo por despachos diversos reivindicando ese sentido social do patrimonio que é que todos podamos desfrutalo.

O seu empeño alcanza o obxectivo no año 2015 coa inauguración da Casa da Navegación de Baiona, onde se exhiben estas dúas pezas de artillería, na sala dos naufraxios. O estudo detallado indica que se trata de dous falconetes do século XVI procedentes da galea Zúñiga, que tras regresar da Gran Armada de Felipe II ou Armada Invencible, o 16 de outubro de 1591 é arroxada polo temporal aos baixos de Silleiro, onde se afunde. A galea era un navío de guerra de 40 m de eslora, propulsada a vela e remo, armada con ata 100 canons, entre eles 20 falconetes e que podía desprazar ata 100 toneladas. Pedro Novalbos aínda non sabía naquel intre que acababa de recuperar os únicos restos que temos da malograda armada.

Ademais, resultado das súas inmersións, tamén depositou neste museo un par de floríns de prata, así como outras pezas técnicas de barcos. Con isto, podemos dicir que todo o que localizou foi depositado.

A xenerosidade de Pedro Novalbos e a súa intachable conciencia social do patrimonio, que o empurrou en todo momento a reivindicar que estas pezas tiñan que ser expostas para o aprecio de todos, son condicións que lle separan de tantos outros cidadáns que igualmente localizan patrimonio somerxido pero que o consideran propio.