Sin categoría

Baiona pecha a mostra “Miradas na Igualdade”

O pasado mércores as artistas implicadas na mostra “Miradas na Igualdade” reuníronse para recoller as pezas que ocupaban o espazo polivalente do andar inferior do Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona. Con este feito ponse fin a unha etapa na que se puña o foco no papel das mulleres do municipio e da súa contorna.

Esta exposición formaba parte da programación da Primavera Lila, que por mor da pandemia tivo que transformarse e so puido celebrarse presencialmente a súa presentación. Maila a traxedia da emerxencia sanitaria leváronse adiante diversas accións grazas ás novas tecnoloxías.

Na mostra “Miradas na Igualdade” participaron as artistas Irene Silva, Lourdes Alonso, Cristina Grande e Olalla Fernández. As pezas da exposición pódense visitar de forma virtual a través da canle de Youtube do Concello de Baiona.

“Se a nova normalidade nolo permite, poderemos desfrutar dalgunhas actuacións que houbo que adiar a causa do confinamento no vindeiro mes de novembro”, sinalou a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira.