Baiona acollerá actuacións escénicas e musicais a través de “Cultura no Camiño+”

Os concellos do Porriño, O Rosal, Baiona, Mondariz e Ponteareas acollerán nos vindeiros días 12 propostas culturais da man de Cultura no Camiño+, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia que ata o 15 de outubro celebra a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a preto de 150 concellos de toda Galicia, 37 deles na provincia de Pontevedra, no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.

Grazas a estas axudas, O Rosal gozará do concerto de Xacobe Martínez Antelo Trío o día 28 no lateral da igrexa de Eiras ás 21:00 horas. Pola súa banda, O Porriño ofrecerá catro eventos. O primeiro a obra de teatro A Corva na Asociación Cultural Os Penediños de Atios o día 30 ás 20:30 horas. O resto, todos eles en setembro e na praza Arquitecto Antonio Palacios, consistirán no concerto de Cé Orquestra Pantasma o día 22 ás 18:00 horas, no espectáculo de maxia da ilusionista Fani Triana o día 23 ás 18:00 horas. e no concerto de Xabier Díaz o día 27 ás 20:00 horas.

Mondariz é outro dos concellos que se suman a Cultura no Camiño+ con tres eventos: o espectáculo de novo circo Peter Punk chungo ke te cagas o día 6 de setembro ás 19:30 horas na praza de España, o día 13 ás 20:00 horas. representarase a obra Go on! no auditorio e nese mesmo emprazamento o día 10 de outubro será a quenda da peza teatral Chola a it girl ás 21:00 horas. En Ponteareas terá lugar o concerto de Óscar Ibáñez & Tribo/Noemí Salomón & Anaís Fernández o 19 de setembro ás 22:00 horas no parque Feira Vella e tamén nese mesmo lugar o día 29 representarase a obra Laia, aprendiz de maga ás 18:30 horas.

Para rematar, o mercado de Sabarís-Baiona ofrecerá o concerto de Bakin Blues Band o 25 de setembro ás 20:00 horas e ao día seguinte a obra de teatro Top manta á mesma hora.

Cómpre lembrar que as anteriores convocatorias dese ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano ábrese a todos os municipios grazas ao incremento en máis do triplo da dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto. Así, ofreceranse arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.

Dinamización e descentralización cultural

Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.