Os baleares Conrad Konitzer e Fernando Rodríguez, mellor equipo xuvenil do ano

Os deportistas baleares do Club Náutic S’Arenal de Mallorca Conrad Konitzer e Fernando Rodríguez foron distinguidos co Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor equipo xuvenil do ano 2019.

Os regatistas, de 21 anos, culminaron o ano pasado unha excepcional tempada proclamándose campións de España e de Europa da clase 420, e facéndose ademais co bronce do campionato do mundo celebrado en Vilamoura (Portugal).

Foron os froitos de moitos meses de adestramentos, ximnasio e horas de auga, un duro traballo que lles permitiu alcanzar o obxectivo que se marcaron apenas un ano antes, en 2018, cando empezaron a navegar xuntos e lograron clasificarse para o mundial ISAF.

O patrón do equipo, Conrad Konitzer, é un canadense afincado en Mallorca desde hai anos. Fillo de regatista, subiuse a un Optimist por primeira vez aos 5 anos animado polo seu pai, co que empezou a navegar. Tras dar o salto ao 420 e lograr os ouros nos campionatos español e europeo, acaba de pasarse ao 49er, co que adestra para os Xogos Olímpicos de París.

Co seu compañeiro Fernando Rodríguez coincide en que tamén empezou a navegar animado polo seu pai e en que nos últimos meses cambiou de clase. Agora navega en 470 e as súas aspiracións son lograr o mellor nivel posible para 2024.

Antes diso, o próximo 5 de setembro, ambos recollerán en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda que os recoñece como mellor equipo xuvenil do ano, un galardón polo que se mostraron moi agradecidos. “Estamos moi contentos de ser premiados e esperamos ser un bo exemplo para as futuras xeracións”, aseguraron, mentres confirmaban que “van seguir traballando moi duro para lograr novos obxectivos no mundo da vela”.