“Resulta bochornoso ver o estado en que se atopa o noso municipio”

O Partido Popular de Baiona asegura nun comunicado que o “abandono extremo” e a “desidia” do goberno local alcanzou tinguiduras preocupantes ata o punto de que é incapaz de recolocar un sinal que desde hai máis de dúas semanas permanece tirada no paseo de Monte Boi, “ante a estupefacción dos veciños que diariamente pasean por el”. Pero non é o único, no que vai de ano non rozou integramente toda a contorna da fortaleza a pesar de ser unha das xoias naturais do municipio, recoñecida polos principais organismos ambientais como a Adeac, que lle outorgou o selo de senda azul varios anos consecutivos ata que o actual executivo local decidiu non renovar a distinción. “Pero sen saír do corazón do municipio, o aspecto deplorable do palco da música da Palma tamén é unha realidade á que non atende o equipo de goberno actual”.

Pero esta situación de “ausencia total” de mantemento e limpeza dos espazos naturais de Baiona non só se percibe no centro urbano, senón tamén nas parroquias e contornas rurais. A situación, que se repite tanto no centro urbano como tamén nas parroquias do rural, vólvese máis alarmante cando afecta a paraísos naturais tan recoñecidos e apreciados como os paseos fluviais de Baredo e Baíña ou o espazo dunar da Ladeira. En todos eles, a maleza asolaga os carreiros polos que pasean os veciños e visitantes desde hai xa meses sen que o equipo de limpeza municipal proceda á súa roza.

Hai moitos exemplos desta “falta de hixiene” do executivo que dirixe o socialista Carlos Gómez e para o PP baionés resulta “lamentable” que os veciños teñan que convivir con esta situación que se alonga no tempo “sen xustificación algunha”. Ao lixo apiñado nos illotes durante semanas e a altas temperaturas súmase a “ausencia total de previsión e de coordinación para levar a cabo os labores de mantemento e de reparación dos nosos paseos e carreiros naturais máis importantes a pesar de atoparnos xa a finais do mes de agosto”.

“Esiximos ao goberno local que reaccione canto antes polo ben dos baioneses, pola súa saúde nun momento tan delicado como o actual e porque Baiona non perda o prestixio conseguido durante décadas que repercute moi positivamente na economía local. Resulta bochornoso ver o estado en que se atopa o noso municipio”, demandan desde o grupo municipal popular.